A Confraría de Celeiro recibe máis dun millón de euros para modernizar o porto

AMariñaXa
Inclúen un proxecto de modernización dunha nave de preparación e envasado dos produtos pesqueiros frescos
celeiro
3 Xul 2024

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, que está en celebración do seu centenario, recibirá, por parte da Consellería do Mar que dirixe Alfonso Villares, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, axudas por un importe de 1.209.458,69 euros.  O depósito presentou, a través das axudas FEMPA para proxectos dirixidos á modernización e mellora dos equipamentos e infraestruturas dos portos tres proxectos: un proxecto de seguridade por importe de 45.400 euros, outro de calidade por 188.922 euros e un terceiro de modernización por importe de 765.230,64 euros.

Trátase de axudas europeas a través do FEMPA con financiamento do 70 % da UE e o 30 % restante a través da Xunta de Galicia. A entidade pesqueira que preside Domingo Rey mostrase satisfeita e ilusionada con este investimento para o porto de Celeiro. “Trátase, -di o Patrón maior de Celeiro-, dun proxecto que tiñamos en mente e que agora poderemos facer realidade”.

O secretario da entidade M. Máximo Díaz, non dubidaba en afirmar que, "esta inxección económica é unha actuación estratéxica e vital para o noso sector pesqueiro; trátase  dun investimento loxístico fundamental para cumprir cos criterios de calidade, control, rastrexabilidade, mellora da seguridade e as condicións de traballo…”. O sector con actuación deste estilo trata de asegurar “o seu presente e futuro máis inmediato, non só debemos preocuparnos do sector meramente extractivo, senón que debemos involucrarnos en cuestións de comercialización como este proxecto destinado a unha planta de preparado, envasado e elaboración de produtos pesqueiros frescos”.

A prioridade destes proxectos, -apunta Máximo Díaz-, “é o fomento da pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos e acuáticos; a través destas iniciativas buscamos reforzar o sector e a súa actividade desde un prisma económico, social e ambiental sostible. O noso proxecto busca afianzar fortalezas e aproveitar oportunidades para corrixir posibles debilidades e/o ameazas que poidan xurdir”.

Nova instalación

O proxecto de modernización dunha nave de preparación e envasado dos produtos pesqueiros frescos servirá, segundo expresa Rey Seijas, “para afianzar e valorizar e revalorizar os nosos produtos. Esta nave especializada no procesado cremos que servirá para favorecer o incremento do consumo dunha maneira máis sinxela e rápida, e con prezos atractivos para o consumidor”. O ente pesqueiro xa comezou as obras da nova instalación que deberán estar terminadas para o mes de outubro; téñense que realizar diversos traballos ce construción e adaptación da nave, acondicionamento de aseos, vestiarios, chans, paredes, redistribución de zonas, salas diversas… etc., a fin de configurar unha nova instalación acondicionada e modernizada destinada a revalorizar o peixe e o consumo, e todo iso sempre co sinónimo de calidade e sustentabilidade.

Nos tres últimos anos, “en Celeiro realizamos investimentos e actuación estratéxicas importantes pola súa calibre e calado: dragaxe, construción nave e almacén lavado de caixas, construción nave reparación redes, proxecto de eficiencia no edificio multiusos do peirao norte, pantaláns ampliación de prazas e novo pantalán”. O apoio da administración pesqueira “resulta fundamental, así nos dous últimos anos as actuación superaron os dous millóns de euros, ao que hai que sumar agora estas novas axudas para este exercicio 2024”, conclúe Rey Seijas.

0.19241404533386