A Confraría de Burela recibe máis dun millón de euros da Xunta para modernizar infraestruturas e promover a pesca artesanal

A Xunta de Galicia continúa a reforzar o seu compromiso co sector pesqueiro mediante diferentes liñas de axuda destinadas a mellorar a competitividade e a sostibilidade desta actividade esencial na comunidade. A Confraría de Pescadores de Burela é un dos exemplos máis destacados deste apoio, ao acumular desde o ano 2023 achegas que superan o millón de euros.
Así o salientou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, durante unha visita ao pósito burelés para avaliar as actuacións xa realizadas e coñecer de primeira man as necesidades actuais dos profesionais. Entre os proxectos financiados coa colaboración autonómica figuran a construción dun novo galpón metálico na zona de varada, a adquisición dun carro automotor de 40 toneladas, varias carretillas elevadoras, así como a rehabilitación da nave de redeiras e a instalación de iluminación LED. Ademais, apostouse pola enerxía renovable coa colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo.
Segundo explicou Suárez, estas medidas permitiron modernizar as infraestruturas portuarias, mellorar a seguridade laboral e as condicións de traballo, incrementar a eficiencia enerxética e reforzar a protección do medio ambiente.
A directora tamén puxo en valor a aposta pola formación que desenvolve a Confraría de Burela, que este ano organizou cinco cursos de Formación Básica e catro de Patrón Costeiro Polivalente —dous de ponte e dous de máquinas— ao abeiro das axudas autonómicas, dotadas con 1,5 millóns de euros e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Un dos proxectos máis singulares apoiados pola Xunta é “Pescarte”, incluído nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). A confraría recibiu 115.000 euros para esta iniciativa que pretende divulgar e sensibilizar sobre a importancia da pesca artesanal. O programa contempla a creación de dous murais artísticos nas fachadas do pósito —con adaptacións en braille para facelos accesibles—, a produción de material audiovisual sobre as diferentes artes de pesca e mesmo un xogo educativo infantil para achegar este oficio ás novas xeracións e favorecer a remuda.