A Confraría de Burela, GN Hábitat, Equilátero DSC e Afundación organizan unha limpeza de lixo mariño en Burela
A Confraría de Burela, GN Hábitat, Equilátero DSC e Afundación organizan para o vindeiro sábado 25 de febreiro en horario de 11.00 a 13.30 horas unha limpeza de lixo mariño nas praias do Perdouro e A Marosa.
Nela participarán a Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña, Espazo +60 Viveiro, a veciñanza de Burela, a Confraría de Burela e Afundación.
A xornada comezará ás 10.45 horas nos puntos de encontro, en Perdouro ao final do porto, e na Marosa no aparcadoiro do campo de fútbol.
O areal de Perdouro, polas súas características de accesibilidade e de composición, xa que ten moitas pedras grandes, non é recomendable para persoas con dificultades
de mobilidade.
Ás 11.00 horas comezará a limpeza coa explicación da actividade e a organización dos grupos e entrega do material para a limpeza. Xa ás 12.45 horas farase a entrega e pesado do lixo para poder rematar a xornada ás 13.30 horas.
Os grupos participantes estarán acompañados por monitor da organización e no punto de encontro explicarase que todo o lixo mariño que se recolle debe separarse segundo a materia prima ou a tipoloxía, contabilizarse para posteriormente pesar as distintas fraccións. Cada 10 persoas participantes haberá un apuntador do lixo recollido, e o resto de participantes deben comunicar o lixo recollido ao apuntador antes de metelo na bolsa/cesto.
A organización subministrará o modelo para anotar, luvas, bolsas, cestos para facilitar a recollida. Recoméndase que os participantes leven auga, roupa, calzado, gorro.. axeitados para facer unha actividade ao aire libre.