A Confederación Hidrográfica actuou no leito do río Eo en Trabada

AMariñaXa
A CHC finalizou os traballos de acondicionamento, conservación e mellora do leito do río Eo e dun arroio en Vilarbetote, Trabada.
chms trabada traballos
18 Maio 2021

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico finalizou os traballos de acondicionamento, conservación e mellora do leito do río Eo e dun arroio innominado na contorna de Vilarbetote no Concello de Trabada.

A actuación no río Eo tivo por obxecto a roza e a retirada de restos vexetais depositados no leito que formaban tapóns que impedían o correcto discorrer das augas. Tamén se desenvolveu unha actuación preventiva mediante a talla e extracción de numerosas árbores secas con posibilidade de caer no leito e producir futuras obstrucións. No arroio innominado retiráronse e xestionado os residuos dunha entulleira incontrolada que se atopaban ocupando o dominio público.

Estes traballos, cun orzamento aproximado de 27.000 euros, realizáronse a través da empresa pública Tragsa dentro do Programa de mantemento e conservación de leitos que desenvolve CHCantábrico nos ríos cantábricos da provincia de Lugo.

No ano 2020 o investimento realizado en traballos de conservación e mantemento de leitos en Lugo foi de 248.689 euros, repartida en 17 actuacións en 9 municipios.

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico lembra que os labores de conservación e mantemento de leitos en zonas urbanas son competencia dos concellos, polo que as súas actuacións circunscríbense, necesariamente, ás zonas non urbanizadas.

chms trabada traballos2
0.07004189491272