A concesionaria da residencia de maiores de Foz seguirá a prestar o servizo trala aprobación no Pleno
Cos votos favorables de todos os concelleiros excepto os do Partido Popular, que se abstiveron, o pleno da corporación municipal de Foz vén de aprobar que a concesionaria da residencia de maiores, Idea, siga a prestar o servizo despois do 16 de xaneiro, ao ser un servizo considerado esencial e por razón de interese público. Saíu ademais adiante o acordo para demandar a titularidade do inmoble da residencia ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Xunta de Galicia) e “superar a situación de bloqueo que está a exercer o goberno autonómico, que abandonou completamente un servizo que é da súa competencia e responsabilidade e que non quere asumir unha vez finalizado o convenio asinado co Concello”, explicou o alcalde, Fran Cajoto.
O rexedor municipal demandou do voceiro popular, Javier Castiñeira, que “se poña do lado das veciñas e veciños de Foz e que facilite unha reunión coa conselleira de Política Social, que o Concello pediu por escrito, en persoa ao delegado territorial da Xunta e por vía telefónica á propia secretaria da conselleira: pedímoslle a Javier Castiñeira altura de miras, que non bote gasolina a un problema que xerou no anterior mandato, ao asumir unha competencia impropia e unha residencia que non era súa. O bloqueo da Xunta é incomprensible e inadmisible”. Pero Castiñeira negouse en varias ocasións a contactar coa Xunta para facilitar unha reunión, na que o alcalde lle ofrecía participar, e o PP abstívose na votación deste asunto.
Respecto ás declaracións do director xeral de Idea en prensa, o alcalde asevera que “se atenderon e se atenderán as demandas da empresa cando e como proceda, actitude que non mudou en ningún caso. No pleno de abril de 2021, despois dos cálculos realizados polos técnicos municipais e unha empresa contratada para tal fin, resarciuse á concesionaria Idea con 36.064,57 euros, dos máis de 142.000 que inicialmente reclamaba, cos votos favorables de todos os concelleiros excepto o PP, que se abstivo. Este ingreso foi motivado polo peche obrigado do centro de día durante a pandemia. Sempre imos proceder a aboar o que é xusto e corresponde, cos preceptivos informes, como administración responsable que somos e garante de fondos que non son nosos, senón de todas as veciñas e veciños. Nós estamos aquí para defender aos residentes e aos traballadores, traballadores aos que a concesionaria lles debe parte da súa remuneración. O Concello é o garante da súa praza de residencia e dos seus postos de traballo fronte ao Consorcio, que pretendía xestionar unha residencia baleira. Non sabemos que intereses defende o Partido Popular, aínda que o sospeitamos”.