A Concentración Mototurística N-634 de Mondoñedo xa ten programa
Mondoñedo volverá acoller unha das concentracións moteiras máis antigas de toda a comunidade. No Concello terá lugar unha nova edición da Concentración Mototurística N-634 Cidade de Mondoñedo os vindeiros días 16 e 17 de marzo.
Nesta ocasión, a cita reforza a súa relevancia e chega a súa XXXIII edición, tras varios anos ofrecendo unha programación a base de ceas, música, xogos, desfiles polas rúas da localidade e varios sorteos.
A Invernal de Galicia marca o inicio das concentracións moteiras a nivel autonómico e convértese nunha das primeiras de todo España despois de Pingüinos e Motauros.
Así, o programa comezará o sábado 16 de marzo coa apertura das inscricións ás 12.00 horas, seguida da sesión vermú con Onda Norte. Ás 16.00 horas haberá música a cargo de DJ Zalo, xogos, un toro mecánico, sorteos e agasallos.
Xa pola noite, ás 20.00 horas, será o desfile polas rúas de Mondoñedo e a actuación de Onda Norte, máis tarde farase unha cea de confraternización na Finca San Antonio, e a media noite entregaranse os trofeos e degustarase a queimada popular.
O domingo 17 ás 10.00 será o almorzo no Rey das Tartas, e ás 11.00 horas comezará a ruta turística que contará con pincho e consumición. Xa ao mediodía será a comida de despedida na Finca San Antonio.