A Concellería de Inmigración de Burela está a organizar varias accións formativas

AMariñaXa
A concellería de Inmigración, Cooperación e Integración de Burela está a organizar varias accións formativas para axudar
aulas clases formacion educacion
1 Mar 2023

O programa de atención a inmigrantes da Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración de Burela está a organizar varias accións formativas para axudar a alcanzar un bo grado de integración ás persoas estranxeiras. Están financiadas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

A concelleira de Inmigración, Noelia Mª Ben, explicou que “se trata dun curso para preparar a proba de coñecementos constitucionais e socioculturais de España para a consecución da nacionalidade española. A temática deste curso é coñecer o Goberno, a lexislación e a participación cidadá, os dereitos e deberes fundamentais e a organización territorial e xeografía física e política de España, ademais de coñecer a cultura, a historia e a sociedade española. Con esta formación trátase de axudar a preparar a mencionada proba esixible para a obtención da nacionalidade española. Este curso terá unha duración de 50 horas”.

A edil burelesa indicou que “organizamos tamén un curso de Habilidades Dixitais Básicas, cunha duración de 20 horas, dirixido principalmente para ir coñecendo o uso das novas tecnoloxías e ir perdendo o medo a realizar accións tan necesarias na actualidade para poder dirixirse a distintas institucións ou entidades e poder realizar diversos trámites do día a día, cuestións coas que moitas veces non se están moi familiarizados/as”.

As persoas interesadas en obter máis información sobre estes cursos poden dirixirse á Casa do Concello ou chamando por teléfono aos seguintes números: 982 586 000 ou 982 580 609.

0.15736699104309