A concelleira focega, Inés López, denuncia que o PP "pretende politizar e desprestixiar o Entroido"

Foz
AMariñaXa
López Couto comenta que o pasado 8 de febreiro de 2024 houbo danos importantes por mor das rachas de vento récord de máis de 200 km/h na Mariña
ines-lopez-couto-dia-biblioteca-foz-2022
10 Jan 2025

A concelleira Inés López Couto denuncia que o líder do PP de Foz "pretende politizar e desprestixiar un Entroido que é de todos".

"A última ocorrencia do señor Castiñeira para desprestixiar Foz é dunha falta de gusto lamentable. Semella que o voceiro do Partido Popular esquece que o temporal Karlotta, o pasado 8 de febreiro de 2024, con rachas de vento récord de máis de 200 km/h na Mariña, causou danos importantes: arrincou o tellado da Sala Bahía, levantou chapas de edificios na rúa Eduardo Pondal que caeron na rúa Irmandiños, e destruíu a carpa do mercado gandeiro en Ferreira. Con todo, a carpa do Entroido de Foz resistiu sen problemas", subliña Inés López.

A edil engade: “aprendemos e traballamos para mellorar de forma continua, coordinando e compartindo os cambios con reunións ao longo do ano cos grupos do Carnaval. Non imos eludir a nosa responsabilidade: melloraremos accesos e medidas de seguridade, para que todos os participantes dos eventos que se celebran na carpa unicamente se preocupen de pasalo ben e non haxa ningunha situación de agobio nos accesos. Contamos con técnicos de prevención que elaboran e supervisan un Plan de Autoprotección específico e xa lles pedimos que definan un maior número de accesos, por encima do que esixe a normativa”.

López Couto tamén comenta: “non imos volver a dispoñer un entarimado de seis metros de altura, con escaleiras empinadas no estacionamento da Sala Bahía, como deseñou Javier Castiñeira, cunha carpa a dous metros das fiestras dos veciños. Tampouco quero falar das saídas de seguridade daquela época. Estamos mellorando e imos a seguir facéndoo, é o que verdadeiramente nos motiva”.

“O máis triste da política do señor Castiñeira é que prefire politizar e desprestixiar un Entroido que é de todos en vez de traballar por el. Elixe un egoísmo pueril de pataleta por non levar xa o bastón de mando, debería superalo xa. O carnaval no é de Pepe Rivera, de Javier Jorge Castiñeira ou de Fran Cajoto: é de todos os focegos. Castiñeira debería aceptar a realidade: hai xa case seis anos que deixou de ser alcalde pola vontade dos veciños de Foz. Hai moita xente do Partido Popular involucrada en que o Carnaval siga mellorando e estámoslles moi agradecidos. Sería positivo que se non vai axudar a que o pobo avance non intente dinamitar o bo nome de este Entroido, que acadou a distinción como Festa de Interese Turístico Galega en marzo de 2023, da que estamos moi orgullosos”, remata a concelleira Inés López.

 

0.16780304908752