A Comunidade galega é a cuarta máis segura do Estado

TerraChaXa | AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, aplaudiu un novo aumento de delitos esclarecidos en Galicia, entre xaneiro e marzo deste ano.
15 Jun 2019

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, aplaudiu un novo aumento de delitos esclarecidos en Galicia, entre xaneiro e marzo deste ano. A Comunidade autónoma continúa como cuarta máis segura do Estado, con 29,6 infraccións penais por cada mil habitantes no acumulado dos últimos doce meses, moi por baixo da media estatal, situada en 46,2, segundo os datos publicados este mediodía polo Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.
Galicia está só por detrás de Estremadura (25,3), Asturias (26,2) e A Rioxa (26,6), ademais de con moita vantaxe sobre as comunidades que teñen os maiores índices: Baleares (66,6), Melilla (65,3), Cataluña (63) e Madrid (60,1). Todo isto nun contexto no que España continúa como un dos países máis seguros da Unión Europea.
Javier Losada destacou un descenso xeneralizado nalgunhas das tipoloxías delituosas que máis preocupan á cidadanía. En concreto, baixan un 12,1 % os roubos con forza nas cousas, que foron 2.247 ata marzo, con descenso tanto en roubos en vehículos (-12,9 %), en domicilios (-17,5 %) e en establecementos (-3,4 %). Tamén descenden os roubos con violencia ou intimidación un 2,2 % ata os 225.
Houbo tamén unha leve baixada nunha das tipoloxías con máis incidencia na comunidade, a dos delitos contra a seguridade viaria, que descenden un 0,9 % ata os 1.039. Con todo, o delegado do Goberno insiste na necesidade de reducir ao máximo as infraccións viarias, en especial nun contexto no que crecen as vítimas mortais nas estradas galegas.
O delegado do Goberno detallou que no conxunto de Galicia aumentaron as infraccións penais coñecidas un 8,7 %, ata as 19.276, 1.524 máis que no primeiro trimestre de 2018. Gran parte deste crecemento está vinculado ás estafas. Estes delitos aumentaron en 1.119 casos, un 39,8 % ata as 3.928 infraccións. Esta subida está motivada polo aumento dunha tipoloxía delituosa vinculada ás novas tecnoloxías, neste caso ás compras na internet.
Outra tipoloxía delituosa que preocupa de maneira especial, segundo revelou Javier Losada, é a relacionada cos delitos contra a liberdade sexual, que aumentaron un 32,4 % ata os 147 casos, fronte aos 111 anteriores. Nese sentido, o delegado do Goberno reclama un aumento da conciencia social, que se produce pero que de momento non é suficiente para erradicar este tipo de situacións.
Todos estes datos van acompañados dun crecemento nas infraccións penais esclarecidas, dun 8,8 %. En concreto, pasan de 7.484 a 8.143 durante o primeiro trimestre. Entre elas houbo 4.371 detencións e investigacións, un 3,8 % máis, ao alcanzar as 4.371 ata marzo, fronte ás 4.210 anteriores.
Por provincias, a mellor taxa de criminalidade está en Lugo (22,9 infraccións penais por cada mil habitantes), seguida por Ourense (25,3), Pontevedra (30,6) e A Coruña (32,1).

0.15337181091309