A comunidade educativa da Mariña únese nun peche reivindicativo en defensa do ensino público

A comunidade educativa da Mariña participou nun peche aberto que ten como principal obxectivo facer visible o descontento existente entre profesorado, familias e alumnado, así como reclamar medidas urxentes para reforzar e dignificar o ensino público. A convocatoria estivo aberta á participación de toda a comarca, coa vontade de sumar apoios e facer da mobilización un espazo compartido de reflexión e reivindicación.
Durante o desenvolvemento do peche están previstas diferentes actividades, entre elas a celebración de asembleas e a elaboración de materiais reivindicativos, como faixas e carteis, cos que se pretende dar voz ás demandas da comunidade educativa e chamar a atención sobre a situación que atravesan os centros públicos.
Desde a organización insistiron en que o máis relevante é a implicación colectiva, animando a achegarse ao centro aínda que sexa por uns minutos ou a permanecer o tempo que cada persoa poida. “O importante é participar e facer visible que este malestar é compartido”, subliñan desde a convocatoria.
No marco desta xornada, pola mañá a comunidade educativa sumouse tamén á acción reivindicativa dos Venres Negros, unha iniciativa que as familias do CEIP de Covas levan impulsando durante nove semanas consecutivas para reclamar máis recursos destinados á atención do alumnado no centro. Esta unión de accións pretende reforzar a mensaxe e evidenciar que as demandas veñen de diferentes sectores da comunidade educativa.