A compañía de Culleredo El Ruiseñor leva o principal premio en Lourenzá

O Concello de Lourenzá celebrou a gala de entrega de premios do VII Certame de Teatro Concello de Lourenzá nun acto que contou cunha notable afluencia de público e que puxo o broche final a un mes de intensa actividade cultural. Durante os sábados e domingos de novembro, o Multiusos Ponte de Cuñas converteuse no epicentro do teatro afeccionado, cunha programación que espertou o interese do público local e visitante.
O premio Conde Santo á mellor representación foi para A xuntanza, da compañía El Ruiseñor, de Culleredo, unha montaxe que tamén foi recoñecida coa distinción á mellor posta en escena. Ademais, Fernando Moares recibiu o premio Lourenzo ao mellor actor polo seu traballo nesta mesma obra, consolidando o éxito do grupo nesta edición do certame.
Pola súa banda, o grupo Ollomao, de Barreiros, acadou o premio especial do público coa obra Dona Clara, mentres que Patricia Pérez foi distinguida co premio Ana á mellor actriz. O galardón ao mellor actor de reparto recaeu en Quequé Mareque, da compañía Teatro do Asteleiro, de Ferrol, e o de mellor actriz de reparto foi para Nerea Acebo, de Imaxina-T, de Narón.
A gala estivo conducida pola actriz laurentina Carmen de Picoaga, que tamén participou na representación da obra Julieta en verano, posta en escena polos grupos de Xixón Luz de Gas e El Callejón del Gato, engadindo un atractivo máis a unha noite dedicada ás artes escénicas.
Desde o Concello de Lourenzá agradeceron a implicación do público, tanto na gala final como nas distintas funcións celebradas ao longo do certame, así como o esforzo do xurado, que tivo a complexa tarefa de avaliar e premiar propostas de gran nivel artístico.