A compañeira de piso, este sábado no Pastor Díaz
O teatro Pastor Díaz de Viveiro ten programa outra cita este sábado, 17 de abril coa programación cultural. Trátase de A compañeira de piso coas actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero baixo a dirección de Belén Pichel e Cándido Pazó.
Nesta obra Sharon, unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa.
Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx... Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida.
Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
Adaptación da comedia "The Roommate" da autora americana Jen Silverman, en coprodución co Centro Dramático Galego, que trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.
A programación no Pastor Díaz chegará ao seu final o día 24, ás seis da tarde, coa compañía Pedras de Cartón, que representa Lázaro de Tormes, para nenos maiores de cinco anos.
Desde o teatro indican que esta programación pode cambiar en función das directrices sanitarias que se vaian marcando
pola pandemia. protocolo e entradas. O protocolo do covid-19 implica o uso obrigatorio da máscara, manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, o uso de xel hidroalcohólico e a limitación de aforo con asignación das butacas e agrupamentos familiares.
A reserva das entradas para cada función pode facerse a través do número de teléfono 982.56.01.62 ou do correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves.