A cómica Carolina Iglesias, pregoeira das festas do San Lourenzo

Foz
AMariñaXa
A cómica, guionista e youtuber Carolina Iglesias Mosquera, máis coñecida en redes sociais como Percebes y Grelos, ten unha profunda relación coa vila
pregoeira_festas_san_lourenzo
12 Xul 2024

En pleno xullo e a piques de comezar ás festas do Carme, o Concello de Foz e a comisión de festas O Noso Foz anunciaron a pregoeira das festas do San Lourenzo: a cómica, guionista e youtuber Carolina Iglesias Mosquera, máis coñecida en redes sociais como Percebes y Grelos. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “Carolina ten unha fonda relación con Foz, os seus avós formaron unha familia no pobo e en palabras da propia Carolina estarían moi contentos se soubesen que vou ser a pregoeira. Como curiosidade o pregón do San Lourenzo (8 de agosto) coincide co aniversario dela”.

Dende o Concello e a asociación O Noso Foz móstranse moi contentos. “Ao principio non sabíamos moi ben como contactar con ela, pero foi moi amable e só nos puxo facilidades”, comenta López Couto. Fátima Novo, a presidenta de O Noso Foz, engade que é “un orgullo que un referente tanto nas reivindicacións LGTBIQ+ como unha profesional moi coñecida no mundo do humor se sinta tamén focega e lle faga ilusión ser a nosa pregoeira”.

Percebes y grelos é o nome polo que Carolina é coñecida no mundo dos podcast e en redes. No seu programa con Victoría Martín, Estirando el chicle, fala de Foz. Na súa última tempada nun programa dedicado aos pobos explica a súa bonita relación con Foz. “Será unha honra xigante ser a pregoeira; en canto recibín a invitación souben que diría que si, aínda que coincida co meu aniversario. Este ano será especial e será outro aniversario en Foz, que sempre fai ilusión”, dixo Carolina.

A concelleira de Cultura rematou anunciando que “o programa completo do San Lourenzo 2024 sairá nos vindeiros días. Como colofón, o espectáculo de fogos artificiais do día 10, e moitas orquestras, actuación musicais, teatro, etcétera”.

0.15496706962585