A comedia Conexión Pingüín, chega a Viveiro
A obra Conexión Pingüín chega ao teatro Pastor Díaz de Viveiro o sábado 15 de outubro ás 20.30 horas. É unha divertida comedia protagonizada por Luis Iglesia e Marcos Orsi que fala da incomunicación entre os seres humanos.
Os dous actores metéranse na pel de dous intrépidos montañeiros, con falta de sentido común e exceso de ego, que tratan de chegar á Antártida, loitando contra as inclemencias polares, a falta de escolta, o descoido mortal e as súas propias barbas, que non paran de crecer.
A posta en escena mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte, cordas enredadas, un mapa, un compás ou un gps para reforzar un relato sobre a falta de comunicación nunha sociedade cada vez máis conectada.
As entradas para este espectáculo terán un prezo de 5 euros e 3 euros para estudantes e xubilados.