A comarca énchese de cor e música
Chega febreiro e con el a primeira gran festa do ano, que une a toda a veciñanza ao son de comparsas e diversión.
O Entroido vívese intensamente na Mariña lucense no que grandes e pequenos celebran esta festa que preparan con meses de antelación. Este ano, o martes de Entroido será o 21 de febreiro, unha data escollida por 51 concellos en toda Galicia como festivo local, e rematará o sábado 4 de marzo.
Dentro desta gran festividade destacan uns máis ca outros, aínda que a diversión e colorido é igual en todos os recunchos da comarca. Quizás o Entroido de Foz, que conta co seu enorme desfile onde adoitan participar milleiros de persoas é un dos que máis destaca ademais de por ser o primeiro en celebrarse. Despois a troula continúa co día do Enterro da Sardiña, e o famoso Domingo de Piñata de Lourenzá.
Os desfiles son os eventos máis esperados destas datas e, pódese consultar os programas:
- Venres 17 en Vegadeo, barrio dos Muíños de Mondoñedo.
- Sábado 18 en Xove, A Pontenova e Foz.
- Domingo 19 en Burela e O Valadouro.
- Luns 20 será en Alfoz, Bravos, ANPA Juan Rey de Lourenzá.
- Martes 21 en Viveiro, Ribadeo e Riotorto.
- Venres 24 será en Barreiros.
- Sábado 25 no Vicedo e Mondoñedo.
- Domingo 26 en Lourenzá.
- Sábado 4 en Trabada.
Durante estas datas os bailes e os desfiles estarán presentes en todas as localidades mariñás nas que os grupos e carrozas rivalizan ao son das comparsas e charangas, e as peñas preparan as súas vestimentas e coreografías á espera do gran desfile.
Ano tras ano demóstrase o arraigamento desta celebración e o empeño dos veciños, que realizan grandes esforzos para incrementar a calidade dos actos, premios e outras activades que enriquecen os eventos, e que fai que o número de visitantes e participantes aumente.
Así, xa se coñecen os detalles da gran maioría dos programas do Entroido cuxos eventos contan cun sen fin de actividades e con grandes premios para alimentar as ganas de festa e diversión.
O Entroido de Foz é unha das grandes festas da Mariña, o ano pasado cumpriu 40 anos, e por iso quere ser declarado como Festa de Interese Turístico Galego. Este ano a raíña é Uxía Valmayor Forés, que resultou ser a elixida nunha gala que se celebrou en outubro. A gañadora pertence á comparsa Sin Xeito, e xunto a elixida presentáronse outras dúas candidatas, Icía Fernández Gómez, da comparsa As Farangullas, e Lucía López Lombardero, da comparsa Maloserá. Elas levarán o nome de Foz por todos os entroidos da comarca.
Viveiro tamén volverá rir co seu tradicional Certame de Alpuxarradas no que toda a veciñanza repasa con humor os problemas da actualidade tanto local como nacional.
Xa en Ribadeo, o máis tradicional é o Domingo lardeiro, no que sairá a comparsa do cocho, acompaña de charangas, de gaitas e de máscaras. E rematará coa Queima con fogos artificiais. E Xove terá ademais do gran desfile, un baile infantil e o seu tradicional concurso de caretas.
Ademais dos sete entroidos galegos declarados de interese turístico, hai outros que tamén destacan polo seu ambiente, polos seus rituais ou polas súas máscaras e personaxes. Neste caso Lourenzá é coñecida polo seu Domingo de Piñata, e que se celebra o primeiro domingo despois do Martes de Entroido, é dicir, o domingo 26 de febreiro.
A festa recupera desde os anos 90 unha tradición que se remonta a principios do século XX, cando os bailes e celebracións do Martes e en especial do Domingo de Piñata fixéronse famosos en toda A Mariña. Hoxe é outra das celebracións máis esperadas polo seu impresionante desfile de carrozas. Hai comparsas, charangas e tamén, e ese é un dos seus grandes atractivos, unha xenerosa entrega de premios en diferentes categorías. Nel, a xente tómase a diversión moi en serio, así que os disfraces son sinxelamente impresionantes.
En Barreiros tamén contan cuns tradicionais personaxes, os Cabezudos e os Xigantes, que percorren as rúas animando á veciñanza. Na Pontenova, contarán cunha divertida festa de disfraces nocturna e que comeza cunha ruta das tapas para ir quecendo motores.
Xa por último, chega o de Trabada, que pecha o círculo de entroido, e está organizado pola Asociación O Picato. Este desfile no que adoitan participar centos de persoas pon punto é final a unha das festas máis senlleiras na comarca.
O único que se lle pode dicir a un visitante é: vai coñecelo, víveo e que non cho conten!.