A comarca e a provincia manteñen a liña ascendente da xornada pasada
A provincia de Lugo segue en plena expansión da pandemia superando xa o milleiro de casos novos que este venres son 1.031, 39 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 47). Rexistráronse neste tempo 84 contaxios novos (onte foron 75) mentres que as altas chegaron ás 6.958, 50 máis que o venres (o día anterior foron 37). As cifras ofrecen unha visión da provincia en continuo empeoramento.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.156 casos rexistrados e 151 persoas falecidas trala morte de dúas usuarias de residencias de Xove e Ribadeo.
Ademais, a presión hospitalaria segue a subir. A UCI do Hula acolle 4 pacientes, un máis que onte, e rexistráronse tres hospitalizacións máis nas zonas de planta, todas no Hula, que ten 16 pacientes. Ademais hai 14 no Hospital da Mariña e 5 no de Monforte.
COMARCA
Na comarca mariñá a situación empeora no occidente. Viveiro chega aos 249 casos, 11 máis que onte. Xove volve dar outro revés ás cifras e sobe a 112, dous máis que onte. Preocupa a situación no Vicedo tamén, onde soben ata os 17 casos, dous máis que onte, unha porcentaxe moi alta para o seu volume de poboación. Cervo está na mesma situación de crecemento e son xa 21, tres máis.
Burela rebaixa lixeiramente cun menos que fan un total de 49 e Ribadeo cae de novo ata os 19 positivos, seis menos que onte.
O resto de concellos mariñaos teñen baixa a incidencia e só Lourenzá se mantén sen casos novos de covid na última quincena.
No resto da provincia, a Terra Chá mantén a atención en Vilalba e A Pastoriza mentres As Pontes e Castro mostran os primeiros casos. No sur, un novo gromo por unha festa familiar mantén a atención en Monforte e Sarria, mentres Chantada tamén sobe ao igual que Lugo.