A CIG-Saúde denuncia o peche de 38 camas no Hospital da Mariña durante o verán

AMariñaXa
A central sindical critica que a dirección bloquee toda a planta de Medicina Interna, obrigando a derivacións a Lugo e favorecendo a sanidade privada
cig-marina-saude-hospital-pasillo
11 Jun 2025

A CIG-Saúde da Mariña alerta do peche de 38 camas no Hospital da Mariña a partir deste verán, unha decisión que afectará de forma directa a toda a unidade de Medicina Interna. Segundo informou o sindicato, a dirección do centro iniciará un proceso progresivo de redución de camas e persoal, ata clausurar por completo a planta a comezos de xullo, o que suporá un importante recorte na capacidade de ingreso do hospital de Burela.

Desde a CIG denuncian que esta medida terá “consecuencias moi graves” para as persoas enfermas, xa que moitas serán derivadas ao HULA en Lugo, a pesar de que existen camas baleiras en Burela que fican bloqueadas. “Non é unha decisión illada: é unha práctica que se vén repetindo nos últimos meses e que está a provocar o malestar de doentes e familiares, obrigados a desprazamentos innecesarios pola nefasta xestión da dirección”, explican.

A organización sindical tamén chama a atención sobre o incremento das listas de espera e o desvío crecente de pacientes á sanidade privada para cumprir os prazos marcados pola Lei de Garantías. Ademais, advirten que estas medidas derivan en mobilidade forzosa do persoal sanitario, desprazado a outras unidades para cubrir ausencias e vacacións, o que “dificulta a conciliación laboral e familiar e repercute negativamente no emprego estable”.

A dirección do hospital xustifica o recorte pola escaseza de profesionais, pero a CIG-Saúde sinala que esa situación foi provocada pola propia política de contratación da xerencia. “Desde 2019 vimos alertando de que a precariedade nas contratacións estaba a expulsar o persoal. Non marchan por decisións persoais, senón porque buscan estabilidade e condicións dignas noutros destinos”, aseguran. Acusan á dirección de non asumir responsabilidades e de falsear a realidade ao negar as causas laborais desta “fuxida” de profesionais.

A central nacionalista tamén critica que se pretenda reducir actividade no verán cun argumento que consideran “insostible”. “Na Mariña non baixa a demanda en verán, ao contrario: multiplica a súa poboación, tanto nas zonas costeiras como no interior. E a xente tamén enferma en xullo e agosto”, ironizan.

Para a CIG, a decisión de pechar camas responde unicamente a criterios económicos e non a unha planificación sanitaria responsable. “Non estamos diante dunha boa xestión. É unha medida que recorta dereitos, deteriora a atención e deixa á comarca sen cobertura sanitaria adecuada durante os meses de máis afluencia”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.157634973526