A CIG-Saúde denuncia ante Inspección de Traballo as condicións térmicas na cociña do Hospital da Mariña

A CIG-Saúde da Mariña vén de presentar dúas denuncias formais ante a Inspección de Traballo de Lugo por presuntas vulneracións da Lei de Prevención de Riscos Laborais que, segundo indican, poñen en perigo a saúde do persoal sanitario e auxiliar da comarca.
A primeira denuncia refírese á situación límite que atravesa o persoal do Servizo de Cociña do Hospital da Mariña, que soporta temperaturas medias de entre 29 e 31 graos centígrados durante o verán, superando amplamente os límites legais establecidos. “Trátase dun incumprimento claro da normativa sobre temperaturas máximas permitidas nos postos de traballo”, sinala o sindicato, que lembra que o risco de tensión térmica comeza a partir dos 27 graos.
A CIG-Saúde advirte de que estas condicións non só afectan ao benestar das traballadoras e traballadores, senón que poden provocar mareos e incluso desmaios. Engaden que a Dirección do hospital está informada dende o 8 de xullo, cando se presentou un escrito con número de rexistro 1.297, pero non se recibiu resposta oficial nin se adoptaron medidas correctoras.
A segunda denuncia céntrase na demora inxustificada da entrega dunha padiola regulable en altura solicitada hai preto de dous anos para unha traballadora do Centro de Saúde de San Cibrao, tras un informe de Saúde Laboral que aconsellaba o seu uso por motivos médicos.
Segundo explica o sindicato, a falta deste equipamento ergonómico pon en risco a saúde da profesional, xa que dificulta a mobilización dos pacientes e obriga a realizar sobreesforzos físicos. Lembran que moitas das baixas laborais no sector están relacionadas con lesións dorso-lumbares e trastornos músculo-esqueléticos derivados de posturas forzadas.
A pesar de que noutros centros da área sanitaria se entregaron recentemente padiolas regulables, a CIG denuncia que a Xerencia non priorizou os casos con informes médicos urxentes, o que consideran unha deficiencia grave na planificación e xestión dos recursos.
A central acusa á Xerencia de incumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais e de ignorar deliberadamente os informes emitidos por Saúde Laboral, obrigando ao sindicato a recorrer á Inspección para reclamar a adopción de medidas legais e correctoras inmediatas.