A CIG Saúde A Mariña denuncia que os pacientes de rehabilitación teñen que ir ao Polusa de Lugo
CIG Saúde A Mariña denuncia que máis de 200 pacientes da comarca foron derivados, dende o mes de novembro de 2022, ao Servizo de Rehabilitación do Polusa, obrigando deste xeito aos mariñaos e mariñás a que teñan que desprazarse até a Lugo para beneficio, ademais, da sanidade privada.
Para a CIG Saúde esta práctica supón unha privatización encuberta dos servizos sanitarios que se deberan prestar no sistema público, pois a maiores, despois dos/as pacientes seren valorados/as en rehabilitación do hospital privado, son derivados para tratamento de fisioterapia “non na sanidade pública de Mariña, senón directamente a clínicas privadas, unha en Viveiro, outra en Foz e outra en Ribadeo”.
Consecuencias de non ter Área Sanitaria Propia
Segundo o colectivo, non ter unha área sanitaria propia implica non contar co poder de decisión e co orzamento propio para manter os servizos na comarca, os cales se destinarán a aumentalo nos grandes hospitais e na sanidade privada. "Hai que lembrar que isto é unha decisión política, unha decisión co obxectivo de desmantelar unha sanidade próxima a nós, nunha comarca cunha dispersión xeográfica como a nosa".
A CIG-Saúde A Mariña lembra que o 30 de agosto de 2017 José Manuel Balseiro explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña, lonxe de debilitar a nosa sanidade, permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, “algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinala.
Xunto a isto apunta que o 6 de setembro de 2017 o anterior Conselleiro de Sanidade afirmaba que con esta reforma sanitaria, “avanzaríamos” nun maior número de actividades que se poidan levar a cabo na Mariña evitando dese xeito os desprazamentos dos cidadáns, algo que se confirma como unha nova mentira do Partido Popular.
Plan urxente de mellora da Rehabilitación e Fisioterapia na comarca.
O sindicato nacionalista esixe explicacións á Dirección do Hospital da Mariña e un plan urxente de mellora da rehabilitación e fisioterapia na comarca. “Cómpre abordar o abandono da rehabilitación e fisioterapia, erradicar as listas de espera e dar solución á situación das persoas derivadas polo Sergas”, aseveran.
Para conseguir este obxectivo, a CIG Saúde reclama entre outras medidas:
- Ampliación e renovación do Servizo de Rehabilitación do Hospital da Mariña, con máis espazo, máis recursos humanos e renovación dos recursos materiais. Dotar o Hospital da Mariña de “dous médicos rehabilitadores”, xa que na actualidade só hai un para unha poboación de máis de 70.000 habitantes.
- Habilitar fisioterapia no Centro de Saúde de Burela, inexistente a día de hoxe. Esta carencia coloca nunha situación de desigualdade as/os pacientes de Burela respecto doutros Concellos, xa que as e os médicos de familia de Burela non poden prescribir rehabilitación nos casos que establecen os protocolos SERGAS, coma nos outros Centros de Saúde. Este feito provoca a saturación do servizo de rehabilitación do Hospital da Mariña ao ser o centro de referencia para as veciñas e veciños de Burela.
- Habilitar fisioterapia no Centro de Saúde de Ribadeo pola tarde.
- Habilitar fisioterapia no Centro de Saúde de Mondoñedo pola tarde.
- Fisioterapia respiratoria infantil na Mariña, sen ter que desprazarse a Lugo.
- 2 fisioterapeutas máis no Centro de Saúde de Foz, 1 máis de mañá e 1 máis de tarde.
Dende CIG Saúde A Mariña tamén esixen coñecer os cartos derivados á sanidade privada para fisioterapia e rehabilitación, solicitan que o servizo sexa 100% público (o único que garante calidade e equidade) e a contratación de máis persoal cos cartos inxectados de forma encuberta para favorecer a sanidade privada.