A CIG Saúde A Mariña denuncia "a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña"
A CIG Saúde A Mariña denuncia a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola "inasumible carga de traballo á que se ve sometido, debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal. Esta sobrecarga, subliñan, chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna, de oito pacientes por facultativo ao día en hospitalización".
Dende hai anos a carga de traballo do persoal facultativo que realiza gardas de área médica foise incrementando ata tal punto “que resulta inasumible que unha soa facultativa poida atender as necesidades asistenciais xeradas durante ditas gardas en condicións de seguridade para o doente. O persoal vese completamente desbordado por ter que realizar un traballo continuado de 24 horas e en ocasións sen descanso algún. A garda de área médica soporta a presión diaria de atender ás incidencias de todos os doentes ingresados a cargo dun servizo médico, que en ocasións supón ata o 70% do total de hospitalizados. A isto engádense as valoracións en urxencias para ingreso que a día de hoxe é a maior carga da garda, podendo ser frecuente que o facultativo de garda pase ata toda a noite ingresando, con agardas de atención de ata 10-12horas desde que o doente chega a urxencias ata que é valorado pola garda de área médica. A maiores é frecuente que se precisen valoracións urxentes de doentes ingresados nas especialidades cirúrxicas que en moitas ocasións non poden agardar e precisan dun manexo complexo e multidisciplinar.
Baixo estas condicións de cansazo acumulado non poden garantir a seguridade das e dos pacientes, “o que lles provoca frustración e un estrés acumulado que supón un risco para a súa integridade física e mental, chegando a culminar en situacións de baixa laboral”.
Dende hai máis dun ano estes facultativos veñen demandándolle tanto á Dirección do Hospital da Mariña como á Dirección do Hospital de Lugo unha solución para reverter a situación, que pasa porque, cando menos, haxa 2 médicos/as para cubrir a garda diaria da área médica.
Pero a falta de solución ás súas demandas provoca a continua fuga destes profesionais que escapan, en canto teñen a posibilidade, cara a outros centros hospitalarios onde poden realizar o seu traballo con normalidade. Neste senso, a CIG Saúde da Mariña cualifica de “loucura” a situación que se dá no hospital: "o persoal de Medicina Interna está esgotado, padece un nivel de presión e de estrés altísimos, derivado da demanda asistencial, da falta de profesionais e mais do trato laboral”.
Cómpre sinalar que os servizos de Medicina Interna son dos que máis carga de ingresos teñen e de maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario e sen embargo, dende a Dirección do hospital non se fai esforzo algún para facer a dotación precisa, de feito nen sequera cobren as ausencias dunha plantilla xa de base insuficente. Por iso, desde a central sindical vese con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que están soportando nos últimos tempos que repercute directamente na perda de calidade asistencial que se lle oferta as e os usuarios Mariñáns.
Consecuencias para os profesionais
As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.
“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.
"Que acheguen solucións ou que dimitan"
CIG Saúde A Mariña denuncia esta falta estrutural de persoal, que provoca unha sobrecarga asistencial e impide garantir unha atención sanitaria de calidade; e a ausencia do debido recoñecemento profesional das traballadoras e traballadores por parte da Dirección do centro hospitalario, que grazas ao seu sobreesforzo diario fan que o sistema se manteña en pé”
“Preguntámonos onde están eses dirixentes do PP que afirmaban que pasar a depender de Lugo significaba máis e mellores servizos, e que os facultativos e facultativas de Lugo poderían así vir reforzar este hospital”, inquiren.
Por iso, demandan da Dirección que se cubran as ausencias destes facultativos e se dote a este centro co persoal necesario para cubrir as gardas de área médica con cando menos dúas presenzas polo ben da saúde dos profesionais e dos usuarios da sanidade da Mariña.