A CIG reclama o mantemento da actividade na fábrica de Albo de Celeiro
Na primeira reunión da comisión de negociación do expediente de mobilidade xeográfica formulado por Albo, a CIG volveu reclamar a continuidade da actividade na fábrica de Celeiro e o mantemento de todos os postos de traballo. Ademais, a CIG demanda unha intervención decidida da Xunta de Galiza para evitar este novo golpe ao emprego e á industria na comarca da Mariña.
Permitir que o grupo empresarial Shanghai Keichuang consume o seu plan de peche suporía rematar coa historia dunha factoría que leva funcionando dende 1924, deixar na rúa a 42 persoas, a maioría traballadoras nunha idade de difícil reinserción no mercado laboral, e afondar no proceso de desmantelamento industrial que vive a comarca.
A mobilidade non é unha alternativa
"A mobilidade xeográfica que formula Albo non constitúe ningún tipo de alternativa para o 90% das traballadoras, para elas a decisión empresarial vai ser traumática e non poden asumir este cambio a máis de 270km dos seus fogares polo custe económico que lles carrexa, polos baixos salarios que se cobran e polas propias situacións familiares e persoais de cada unha", apunta Susana Riveira, da CIG da Mariña.
Pola contra, Riveira insiste na viabilidade da factoría de Celeiro, que ten carga de traballo abondo para soster os niveis de empregos actuais e unha situación xeográfica privilexiada, ao lado de dous importantes portos pesqueiros. A este respecto, engade que os preto de cen anos de historia da planta poden supor incluso un plus de imaxe para a empresa pola confianza que xera nos mercados e nas persoas consumidoras.
"A empresa ten unha responsabilidade social co seu persoal e con esta comarca, apelamos aos bos resultados e reclamamos á dirección que desista do seu plan de peche", subliña.
Nesta liña, a representante da CIG tamén insta a Xunta de Galiza, nomeadamente as consellarías de Economía e de Emprego, a que tome parte neste conflito e traballe activamente para garantir a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo. "A Xunta ten que ter interese en que non que non se perdan estes 42 postos, maioritariamente femininos, nunha comarca e un concello tan castigados nos últimos anos", valora Riveira.
Abundando neste punto, a CIG da Mariña aféalle ao Goberno galego que non teña tomado contacto aínda coa representación do persoal e de igual xeito lamenta que a alcaldesa do Concello de Viveiro tampouco teña contactado até agora coa representación das traballadoras no obxectivo de facer unha fronte común na defensa dos postos de traballo.
Calendario de folgas e mobilizacións
Así as cousas, as traballadoras e traballadores non se resignan e veñen de acordar un calendario de mobilizacións coincidindo co período de negociación do expediente de mobilidade. A primeira protesta terá lugar este, xoves 23 de xuño, cunha concentración diante da fábrica de 15.00 horas a 15.30 horas.
Para os días 27 e 29 de xuño e 4 e 6 de xullo están convocados paros parciais de dúas horas que se desenvolverán das 10h ás 12h. Ademais durante as horas de folga faranse as seguintes mobilizacións:
- Luns 27 de xuño, manifestación dende a conserveira de Albo até a estatua de homenaxe á Xente do Mar.
- Mércores 29 de xuño, concentración diante da fábrica.
- Luns 4 de xullo, concentración diante da fábrica. Ás 20h, concentración no Concello de Viveiro.
- Mércores 6 de xullo, concentración diante da fábrica.