A CIG Industria esixe a Alcoa que reaccione con urxencia e que cumpra cos seus compromisos
A CIG Industria quere trasladar a súa preocupación pola "grave situación que comeza a afectar ás empresas auxiliares que traballan para Alcoa".
O anuncio da empresa Edyproga, que se dedica o mantemento eléctrico na planta de alumino, de despedir a seis traballadores a próxima semana baixo o pretexto de falta de traballo, "é unha advertencia do risco que corre todo o tecido industrial vinculado a Alcoa", critican.
Este despedimento, comunicado ao delegado de persoal, din, "reflicte os efectos da inacción por parte de Alcoa no cumprimento do acordo asinado en decembro de 2021, que incluía compromisos clave para garantir o futuro da factoría".
Ademais, no que respecta as empresas auxiliares, o acordo contiña garantías de facturación nos anos 2022 e 2023 e de contratos ata decembro de 2024 de aquelas empresas afectadas polo cese temporal, que tiñan como obxectivo garantir a estabilidade laboral ata finais deste ano, pero tamén incluía medidas que proporcionarían carga de traballo suficiente para manter o emprego a longo prazo.
"Alcoa non está a cumprir varios destes compromisos, como é a reconstrución do forno de cocción de ánodos, e a incerteza sobre o futuro das auxiliares está a medrar, especialmente agora que as garantías para os traballadores destas empresas está a piques de rematar", explican.
Así, o que máis lle preocupa á CIG e que "Alcoa non fixo o necesario para garantir que as auxiliares teñan traballo suficiente, vemos como empresas como Edyproga comezan a despedir, e isto pode ser só o comezo dun efecto dominó que afectará a máis traballadores se non se toman medidas de inmediato".
Desde a CIG Industria, esixen a Alcoa que reaccione con urxencia, que cumpra cos seus compromisos e que realice os investimentos necesarios, especialmente no forno de cocción de ánodos, tamén a implicación do Goberno central e da Xunta de Galicia para garantir a continuidade laboral de todos os traballadores directos da factoria.
"De non paralizarse estes despidos, a CIG Industria mobilizará aos traballadores e non descarta convocar protestas e accións para defender os postos de traballo", conclúen.