A CIG critica os recortes en varios centros de ensino na provincia
A CIG-Ensino comunicou o posible peche da ESA, Educación Secundaria para persoas Adultas, en varios centros lucenses como son o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e no IES Lamas das Quendas de Chantada.
Malia a rectificación parcial da Consellaría, logo das denuncias da CIG-Ensino, "mantense a discriminación en moitos centros, tanto no ámbito rural como no urbano, pola restrición do dereito a optar por determinadas materias", din dende a CIG.
"Un dos problemas máis reiterados neste convulso inicio do curso 2021-2022 é que a Consellaría non permita en determinados casos que, aínda que exista profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se poidan ofertar materias que non teñen moito alumnado. Unha decisión que", segundoa CIG-Ensino, "emana da Secretaría Xeral de Educación que ordenou, e así o comunicou aos centros, non admitir que se impartise ningunha materia que tivese menos de cinco alumnos e alumnas. É dicir, anular a excepcionalidade que viña aceptándose curso tras curso: que sempre que houbese profesorado dabondo no centro se autorizase cursar esas materias".
"Neste curso non está sendo así. A CIG-Ensino mesmo sabe que hai casos en que non se autoriza a pesar de haber cinco persoas matriculadas, como ocorre no IES Rego de Trabe de Culleredo, onde existe profesorado xa no centro con posibilidades horarias para facerse cargo, ou no IES Menéndez Pidal da Coruña ou no IES Lucus Augusti", din.
A estes exemplos no ámbito urbano únense outros como o IES de Becerreá ou o IES Gregorio Fernández de Sarria, mais as queixas continúan chegando ao sindicato.
EDUCACIÓN PARA PERSOAS ADULTAS
Como xa denunciou a CIG-Ensino os recortes non se limitan á impartición de materias con pouco alumnado e suficiente profesorado senón tamén coa negativa de que se manteña a oferta da ESA en concellos e comarcas que poden quedar sen esa oferta tan necesaria. Así acontece en no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e no IES Lamas das Quendas de Chantada.
Todo isto implica, ademais, un trastorno para a organización dos centros posto que a lentitude da Consellaría á hora de atender as peticións destes conleva que as direccións se vexan obrigadas a refacer os horarios até tres veces nalgúns casos dos que temos coñecemento. Nada disto tería acontecido se a Consellaría actuase con sentido común e permitise manter unha oferta necesaria alí onde mesmo non é preciso aumentar o cadro de persoal: non falamos de cartos, falamos de dereito á educación e dun mínimo de rigor.
Por iso a CIG-Ensino demanda que o secretario xeral de Educación rectifique coa máxima brevidade e garanta o dereito do alumnado a escoller as materias que desexe, especialmente naqueles casos nos que isto non implica incremento de docentes.