A CIG alerta da “desprotección” da costa de Ribadeo ante o narcotráfico pola falta de medios no SVA

O sindicato CIG vén de denunciar a situación de “desprotección” na que se atopa a costa galega, e especialmente a zona de Ribadeo, na loita contra o narcotráfico debido á inoperatividade dos medios do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA). A central sindical advirte de que o buque con base en Ribadeo permanece parado por motivos de seguridade tras detectarse amianto a bordo, unha situación que tamén afecta á embarcación de Muros.
Segundo a representación sindical da CIG na Axencia Tributaria (AEAT), as dúas embarcacións xa duplican a súa vida útil máxima e están “obsoletas”, polo que foron retiradas do servizo por risco para a saúde e seguridade do persoal. Ao mesmo tempo, o helicóptero con base en Vigo —único dispoñible para cubrir toda a costa galega e a cornixa cantábrica— leva máis de cinco meses fóra de servizo por reparacións, sen que se coñeza a data do seu retorno.
“Con este panorama está claro que se lles están dando moitas facilidades aos narcos para que leven a cabo a súa actividade ilegal”, sinala a CIG, que reclama á dirección do SVA “a adopción das medidas necesarias para que tanto as bases de Ribadeo e de Muros como a base aérea de Vigo estean operativas á maior brevidade posíbel”.
A central tamén se opón á posibilidade de substituír os buques galegos por outros barcos retirados do servizo noutras bases do Estado, especialmente en Andalucía. “Non vale que manden para Galiza embarcacións coa súa vida útil esgotada para navegar pola costa galega e, no caso concreto de Muros, pola Costa da Morte”, advirten.
Desde a CIG insisten en que a falta de medios materiais e humanos do SVA supón un grave risco para a eficacia na loita contra o narcotráfico, particularmente en puntos como Ribadeo, que queda sen cobertura marítima nun contexto de elevada actividade ilícita nas rutas costeiras.