A Chocolateira prepara a V Foliada da Pontenova
A asociación musical A Chocolateira da Pontenova prepara para o 11 de xuño a súa V Foliada A Pontenova. Será na Praza dos Fornos durante todo o día.
A xornada dará comezo ás 11.00 horas co obradoiro de canto e pandeireta a cargo de Blanca Villares, para o que haberá que anotarse chamando ao 610 947 738.
Xa ás 13.00 horas será a sesión vermú no que Catuxa Salom amenizará a festa con fusión de ritmos tribais latinoamericanos con música en galego.
Pola tarde, ás 16.30 horas, haberá un obradoiro de billarda para todas as idades a cargo do equipo pontenovés Troitas Bravas. Acto seguido, ás 17.30 horas será o espectáculo de Mircromina Títeres coa obra Vacacións no mar.
Máis tarde será a homenaxe a Siderio de Vilarmide e Nela de Bres coa actuación dos grupos A Chocolateira e Nove Ferreñas de Meira. Xa pola noite, ás 21.00 horas, o grupo polense Leña Verde pechará a xornada festiva.