A CHMS aconsella o aforro de auga debido á baixa pluviosidade e ao nivel dos encoros
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, celebrou a VI reunión da Oficina Técnica da Seca da CH Miño-Sil, constituída o pasado mes de febreiro.
En primeiro lugar, analizáronse os datos das diferentes variables hidrometeorolóxicas; así, durante o mes de xuño rexistrouse unha precipitación media de 72,7 l/m2, un 47 % superior ao valor medio, polo que resultou ser un mes húmido nas concas do Sil e Limia, e moi húmido nas do Miño e Cabe.
A pesar diso, a falta de precipitacións acumulada durante este ano hidrolóxico, iniciado o pasado 1 de outubro, fai que nos atopemos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie 1980/81 a 2020/2021, tras o ano 2016/2017, 2004/2005 e 2011/2012 nos que se viviron situacións similares á deste ano.
Importante destacar que a precipitación media da demarcación ata o 30 de xuño de 2022, foi de 603 l/m2, un 40,7 % inferior á media (1.017,5 l/m2).
Por outra banda, os encoros atópanse ao 53,25%, un 23% inferior á media histórica e 9,6% menos que o ano pasado, 63 %. Así mesmo, os caudais circulantes rexistrados durante o mes de xuño foron uns 41% inferiores aos habituais e os niveis piezométricos sitúanse, como media, un 11% por baixo do habitual.
Tendo en conta todo o anterior e conforme ao plan de seca vixente, os escenarios actuais son de normalidade tanto no Miño Alto como no Baixo Miño, de Prealerta na conca do Sil e de alerta na concas dos ríos Cabe e Limia.
Desde o ano 2000 déronse escenarios similares ao actual en 2005, 2011, 2012 e 2017, o que evidencia os efectos adversos do cambio climático.
Desde a CHMS realizáronse comunicacións aos Concellos da demarcación, instándolles a que realicen uso sostible da auga e apliquen medidas de aforro, tamén ao resto de Usuarios da auga, como Comunidades de Regadores e empresas hidroeléctricas, para que adopten medidas que melloren a eficiencia na utilización do recurso.
Incidindo no anterior, realizáronse campañas de concienciación social ao aforro a través dos medios, WEB e RRSS, co interese de previr o impacto da seca, tanto no medio ambiente, como nos diferentes usos.
“Debido a que as predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca continuará durante os próximos meses, é imprescindible facer un uso sostible da auga e continuar coas medidas de aforro e de concienciación social por parte das Administracións, sobre todo polos Concellos, administración competente en abastecemento a poboacións” incidiu o presidente da CHMS.
“Desde a CHMS instamos o uso racional do recurso, lembremos que só entre tod@s poderemos facer fronte aos efectos desta seca prolongada” concluiu Quiroga.