A CEL volve pedir unha autoridade portuaria propia para San Cibrao

AMariñaXa
A CEL acusa á Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao, de “inacción incomprensible” ante o porto de San Cibrao.
porto san cibrao vista aerea
6 Mar 2021

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta o seu “profundo malestar” polas declaracións efectuadas polo novo presidente da Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao, das que se trasluce unha “inacción incomprensible” ante aos que se enfronta o porto de San Cibrao nestes momentos, e o adiamento de iniciativas “máis aló de 2027”.

A CEL lembra que durante os últimos anos os empresarios reclamaron insistentemente solucións e investimentos para esta infraestrutura, especialmente temendo a posible marcha da multinacional Alcoa, ademais dunha Autoridade Portuaria propia que permitise á provincia xestionar os recursos xerados nos seus portos, sen que até o momento fose escoitada nin unha soa das demandas efectuadas.

En palabras do secretario xeral da CEL, Jaime López, “o que necesitamos non son visitas de carácter institucional ou ofertas de colaboración para o impulso a un porto do que, nestes momentos, son responsables, se non a xestión propia dunha Autoridade Portuaria de Lugo que nos permita deseñar, dende Lugo, un porto absolutamente competitivo, que poida converterse en porto de referencia do Noroeste español para o tráfico madeireiro, de graneis e outro tipo de cargas”.

Dende a CEL sinálase que “os sucesivos responsables da Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao nin trataron de negociar a liberalización do dique norte ao tráfico xeral; nin procuraron un investimento nos nosos portos axustado ao que xeran; nin permitiron a creación dunha Autoridade Portuaria propia en Lugo”. Recalca, ademais, que “a día de hoxe, seguimos sendo a única provincia con mar que non conta con esta entidade para a toma das súas propias decisións, mentres vemos como aumenta o despoboamento e as nosas opcións de progreso pérdense”.

Levamos xa “non anos se non décadas” de reclamacións e xestións ante diferentes instancias “que se ignoraron de forma repetida”, insiste a CEL.

A organización empresarial subliña, ademais, que unha solución rápida fose no seu momento garantir unha verdadeira representación de Lugo nos órganos de decisión da Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao, “o que tampouco sucedeu xamais”. En palabras do secretario da CEL, “no actual consello de administración, que en teoría defende os intereses das dúas provincias, non hai unha verdadeira paridade de representación que permita unha defensa real dos intereses dos portos lucenses”; “temos que conformarnos coa representación testemuñal de dous alcaldes mariñáns a quendas e visitas na que se nos anuncian improbables plans de futuro e investimentos nos portos ferroláns”.

A CEL lembra tamén a “unanimidade social existente na provincia” respecto desta cuestión, os continuos escritos de adhesión da práctica totalidade das asociacións empresariais da provincia e outros colectivos de amplo arraigamento como a Federación Provincial de Veciños, ou o acordo de todos os partidos políticos para reclamar a creación da Autoridade Portuaria de Lugo, que se materializou, por exemplo, no apoio unánime do pleno da Deputación de Lugo a esta demanda coa aprobación dunha moción o 29 de outubro de 2019.

“Non son soamente os empresarios -sinala a CEL- os que desexan loitar contra o continuo declive dunha provincia que conta con recursos para imaxinar un futuro mellor: a sociedade lucense no seu conxunto reclama investimentos reais e a oportunidade de tomar decisións en cuestións crave que lles afectan”. A entidade pregúntase que máis hai que facer “para ser escoitados”.

Neste sentido, desde a CEL destácase o apoio, unha vez máis, da Federación de Asociacións de Veciños, a través do seu presidente Jesús Vázquez, para que “dunha vez por todas se trace a folla de ruta para a creación desa Autoridade Portuaria que os empresarios levan reclamando tantos anos”.

0.15912914276123