A CEL promove unha xornada en Ribadeo sobre as oportunidades de negocio en Uruguai

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) celebrará o vindeiro venres 27 de xuño unha xornada centrada nas oportunidades comerciais que ofrece a República Oriental de Uruguai. O encontro desenvolverase no Real Club Náutico de Ribadeo, entre as 17:00 e as 18:30 horas, e forma parte dun ciclo de actividades impulsadas pola CEL co apoio da Deputación de Lugo nos exercicios 2024 e 2025.
A xornada contará coa participación destacada de Ramiro Rodríguez, cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, quen achegará unha visión institucional do país suramericano. Tamén intervirá Fernando Illanes, director xeral para España e Latinoamérica de Antea Group, que compartirá a súa experiencia directa en Uruguai e outros mercados de América do Sur nos que esta consultora internacional ten presenza activa.
A iniciativa ten como obxectivo ofrecer unha primeira aproximación estratéxica ao mercado uruguaio, e funcionará como acto introdutorio dunha misión empresarial a Uruguai e Arxentina que a CEL está a preparar para os próximos meses, tamén co respaldo da Deputación. Este tipo de accións buscan abrir novos camiños de internacionalización ás empresas lucenses, ofrecéndolles información de primeira man e contactos de interese.
Desde a CEL subliñan que Uruguai é un país “democrático, moderado e politicamente estable”, aspectos que o converten nun destino atractivo para a inversión estranxeira. Cunha alta calidade de vida, baixa desigualdade e recoñecida como a única democracia plena de América do Sur segundo o Democracy Index 2024 do grupo británico The Economist, o país ofrece garantías sólidas ás empresas.
Ademais da súa estabilidade institucional, Uruguai conta cunha posición xeográfica estratéxica que lle permite actuar como porta de entrada a un mercado de 600 millóns de consumidores en América Latina. España mantén con Uruguai acordos como o APPRI (Acordo para a Promoción e Protección Recíproca de Investimentos, asinado en 1994) e un Convenio para evitar a dobre imposición (2011), que consolidan a seguridade xurídica para os investidores.
Entre os sectores prioritarios para o investimento, a CEL destaca as enerxías renovables, infraestruturas (como estradas, portos ou ferrocarrís), telecomunicacións, turismo, banca e servizos financeiros.
A participación na xornada é de balde, mais as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse a través da web da CEL (www.cel.es) ou contactar por teléfono no 982 23 11 50.