A cea baile de coroación da raíña do Entroido de Foz será o 11 de febreiro

Foz
AMariñaXa
O Concello focego e a asociación O noso Foz anuncian que a cea de coroación da raíña do Entroido celebrarase o día 11 de febreiro e a Festa do Berberecho será o 15 de abril.
21 Jan 2023

O Concello focego e a asociación O noso Foz anuncian que a cea de coroación da raíña do Entroido celebrarase o día 11 de febreiro e a Festa do Berberecho será o 15 de abril.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “a comisión de festas O noso Foz e o Concello están inmersos nos preparativos do próximo Entroido. É unha das festas máis importantes do municipio e que despois do ano 2021 e súa edición dixital por mor do COVID19 volveu o ano pasado con restricións, pero de forma segura e, sobre todo, con moito ánimo por parte de participantes e público. Este ano as datas clave desta festividade en Foz son a cea de coroación, que será o dia 11 de febreiro na gran carpa situada na Sala Bahía, como se ven celebrando os últimos anos (atrasada a data debido á celebración do San Blas); a cea de comadres, que será o xoves 16 (organizada polas asociacións Afammer e de amas de casa), tamén na Sala Bahía; o venres 17 celebrarase o día das coplas e o pregón. Este ano o pregón será a cargo de Touporroutou, que conta con máis de trinta edicións e son xa un referente nos domingos despois do desfile co seu humor irónico e o seu escarnio carnavaleiro, de auténtica esencia galega. O sábado 18 chegará o tan ansiado desfile, que este ano modifica o seu percorrido debido ás obras que se están levando a cabo na rúa das Casas Baratas. O domingo 19 será o baile infantil, con xogos e inchables para os máis pequenos e o Touporroutou. O luns 20 o Baile do Farolillo será o protagonista. E o martes 21 volverá haber baile e xogos para os máis pequenos. Péchase o Entroido coa queima, que se realizará o venres 24”.

O primeiro evento é a cea de coroación, na carpa da Sala Bahía o sábado 11 de febreiro ás 21.00 horas. O menú constará de empanada, sopa de cocido, costela asada ao forno, viño, refresco ou auga, e sobremesa e café, cun prezo de 25 euros.

As reservas poderán comezarse a facer a partir do luns 23 deste mes e ata o 30 de xaneiro no correo onosofoz@gmail.com. Será necesario indicar o número de comensais cos seus nomes e apelidos, DNI e o nome da mesa. O aforo será limitado. Queda prohibida a revenda de entradas e poderán devolverse ata o 3 de febreiro. Os menores a partir de 14 anos poderán asistir con permiso da nai, pai ou titor/a legal e acompañados dun adulto responsable (deberán entregarse os permisos necesarios á organización). Queda prohibida a entrada a toda aquela persoa que non acuda á cea. A organización agradece que os asistentes acudan disfrazados.

Ángel Fernández Neira, presidente de O Noso Foz, agarda que “volvamos á normalidade total, despois da comida de coroación do ano pasado, coas máximas medidas de seguridade para poder realizala. Este ano volvemos ao formato habitual e esperamos que a xente estea animada para ver o cambio de reinado”.

Inés López Couto engade que “en Foz comezan a escoitarse polas rúas a percusión de tambores e surdos, e o son das turutas, que anuncian unha edición XLI do desfile cargada de maxia e sorpresas. A próxima raíña, Uxía Valmayor Forés, e as súas damas, Iria Sánchez Irimia e Carla Velasco García, recibirán a coroa de Roberto García Lende e os seus cabaleiros durante a cea, que será a antesala do gran programa deste Entroido. Desde a Concellería de Cultura desexamos que todo o mundo desfrute dos actos que estamos a organizar e Foz saia á rúa e se anime a bailar coa música e a cor do Carnaval”.

Por outra parte, a Festa do Berberecho modifica a súa data, pasando ao 15 de abril. “Manterá a súa esencia pero incluirá novidades que realzarán o seu atractivo. Anunciaranse coa saída do seu cartel”, explicou a concelleira de Cultura. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17471289634705