A catedrática María Loureiro recibe o premio María Josefa Wonenburger 2024

AMariñaXa
Nada en A Pontenova, licenciada en Economía, está considerada unha das científicas máis influentes do mundo
241219-ConselleiraWonenburguer3-(1)
20 Dec 2024

A catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Loureiro, foi galardoada co premio María Josefa Wonenburger Planells 2024, un recoñecemento que destaca a traxectoria de mulleres galegas de referencia nos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía. No acto de entrega do premio participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.

María Loureiro é natural de A Pontenova, nada en 1972,  é licenciada en Economía pola USC e doutora pola Washington State University. Desde 2010, exerce como catedrática na USC, tras ocupar anteriormente postos docentes na Colorado State University e na Universidade Carlos III de Madrid. O seu labor investigador abrangue campos como a transición enerxética, o cambio climático e a economía ambiental, sendo considerada unha das científicas máis influentes a nivel global, segundo a Lista Stanford.

Durante o acto de entrega, a conselleira Fabiola García, destacou a "ampla e prolífica traxectoria" de Loureiro, subliñando o seu papel como "referente nas ciencias sociais". Ademais, puxo en valor o seu innovador traballo na avaliación económica de danos ambientais, como na histórica valoración do impacto do desastre do Prestige, que marcou un precedente no peritaxe medioambiental de catástrofes.

Loureiro e o seu equipo traballan actualmente en proxectos que analizan os danos causados por eventos climáticos extremos, cun enfoque especial nos impactos sobre a saúde e o benestar da cidadanía. Ademais, en 2022, foi recoñecida como a primeira muller académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega das Ciencias.

O premio, outorgado pola Xunta de Galicia a través da Unidade Muller e Ciencia, busca visibilizar e consolidar o papel fundamental das mulleres na ciencia. Na súa intervención, Fabiola García subliñou o compromiso do Goberno galego coa igualdade no ámbito científico, destacando iniciativas como o III Programa Muller e Ciencia, dotado con 44,7 millóns de euros, e os orzamentos de 2025, que destinan máis de 28 millóns de euros a promover a igualdade de xénero en educación e investigación.

O galardón María Josefa Wonenburger, que leva o nome da matemática e investigadora galega pioneira a nivel internacional, converteuse nun símbolo do recoñecemento ás mulleres que lideran avances científicos e tecnolóxicos. "Con este premio, honramos a referentes como María Loureiro, que inspiran as xeracións futuras e contribúen a un futuro máis igualitario e sostible", afirmou García.

⚙ Configurar cookies
0.24746108055115