A Catedral de Mondoñedo reforza as tarefas de conservación e inicia a restauración das súas campás

AMariñaXa
Os traballos inclúen a limpeza de fachadas e tellados e a posta a punto das oito campás da torre, cun investimento de 14.900 euros
Mondonedo-catedral-tarefas-conservacion-2025
17 Dec 2025

A Catedral da Asunción de Mondoñedo continúa a ser obxecto de atención e coidados constantes por parte do cabido catedralicio, que mantén o seu compromiso coa conservación do principal templo da diocese. Nas últimas semanas leváronse a cabo distintos traballos de mantemento orientados a preservar o bo estado do edificio e previr posibles danos derivados do paso do tempo e das condicións meteorolóxicas.

Entre as actuacións realizadas figura a limpeza de canlóns e fachadas, así como un repaso xeral dos tellados co obxectivo de eliminar filtracións, goteiras e humidades. Estes labores foron executados pola empresa Evox Vertical, especializada neste tipo de intervencións en altura e colaboradora habitual noutras igrexas da diocese. Para poder acceder ás zonas máis elevadas do inmoble, incluídas as torres, foi necesario empregar unha grúa de gran formato. Trátase de tarefas periódicas e imprescindibles para garantir a conservación dun edificio histórico destas características.

De maneira paralela, a Catedral está a ser escenario doutra intervención de especial relevancia: o axuste e restauración das campás da torre. Os traballos contan cun orzamento de 14.900 euros e están subvencionados pola Xunta de Galicia. A actuación corre a cargo da empresa Campanas Ocampo, recoñecida polo seu prestixio e ampla experiencia neste ámbito, e está previsto que remate durante o primeiro trimestre do vindeiro ano.

A restauración abrangue as oito campás da torre, incluída a emblemática campá Paula. As intervencións inclúen a substitución de cepos, a reparación de ferraxes, o cambio dalgúns badalos e distintos axustes técnicos, co obxectivo de mellorar a seguridade e garantir a correcta conservación das campás. Estes traballos permitirán recuperar o toque manual ordinario, unha práctica de grande valor patrimonial e cultural.

Na actualidade, a campá Paula permanece depositada no chan da torre, á espera de poder ser izada de novo unha vez concluída a restauración. Por este motivo, os veciños e veciñas de Mondoñedo non poderán escoitar os seus sons durante este Nadal, aínda que desde o cabido destacan que se trata dunha ausencia temporal necesaria para asegurar a súa preservación a longo prazo.

⚙ Configurar cookies
0.078787088394165