A Catedral de Mondoñedo estrea iluminación e sistema eléctrico tras unha reforma integral promovida pola Xunta

A Catedral de Mondoñedo vén de estrear un novo sistema de iluminación e instalación eléctrica tras completarse unha intervención promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Endesa e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol. O obxectivo da actuación foi modernizar unha infraestrutura que databa dos anos 60 e que xa presentaba numerosas deficiencias, ao tempo que se reforza a conservación dun dos templos máis senlleiros do Camiño do Norte, incluído na declaración de Patrimonio Mundial.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o templo mindoniense para coñecer de primeira man o resultado dos traballos, que supoñen un investimento próximo aos 300.000 euros e se enmarcan no Plan de Catedrais de Galicia, dotado con 38 millóns para a protección e posta en valor destes bens. Segundo destacou, a intervención permite “mellorar a eficiencia enerxética e, sobre todo, poñer en valor o riquísimo patrimonio artístico da catedral, como o altar maior, as pinturas murais ou a cátedra episcopal”.
A nova iluminación combina luz natural con un sistema de proxectores regulables, focos lineais e luces indirectas situadas en cornixas e capiteis para potenciar a percepción visual do conxunto sen interferir coa arquitectura histórica. Ademais, instalouse un grupo electróxeno propio, novo cadro de protección e sistema de megafonía.
Desde 2015, a Xunta leva investidos máis de 1,7 millóns de euros na conservación da Catedral de Mondoñedo, incluíndo actuacións na cuberta do claustro, as vidreiras ou a casa dos Cóengos. Actualmente tamén se traballa na reparación da cuberta principal e na restauración das pinturas murais.