A Casa do Viejo Pancho ribadense acolle mañá a presentación do libro de Roberto Mera
A sala de presentacións da Casa do Viejo Pancho acolle mañá venres, ás 20.00 horas, a presentación en Ribadeo do libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, do politólogo e avogado de Ponteareas Roberto Mera Covas, publicado por Belagua Ediciones. O alcalde da vila, Fernando Suárez, introducirá o acto.
Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.
A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.
O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».
Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia.