A Casa do Viejo Pancho acolle dous obradoiros do Apego para as familias

AMariñaXa
A Concellaría de Cultura organiza dous obradoiros do Apego para as familias, que terán lugar os días 29 de xaneiro e 5 de febreiro.
apego ribadeo
25 Xan 2022

A Concellaría de Cultura organiza dous obradoiros do Apego para as familias, que terán lugar os días 29 de xaneiro e 5 de febreiro. A inscrición está aberta xa nas instalacións do Apego na Casa do Viejo Pancho.

O primeiro, que se celebrará este sábado, será de Instalacións de Xogos para crianzas de 1 a 3 anos de 11:00 a 12:30 horas. O segundo terá lugar o 5 de febreiro e titúlase Os Minimundos, está dirixido a nenas e nenos de 3 a 6 anos. Neste caso o horario será de 12:00 a 13:30 horas.

A educadora María Novo contou que “tanto nas Instalacións como nos Minimundos nós imos darlles ás familias asistentes un dossier con toda a información máis detallada para que eles poidan dar continuidade a estas propostas de xogos. Tanto os Minimundos como as Instalacións estanse empezando a levar a cabo en moitos espazos e parécenos que é unha proposta moi atractiva para as crianzas e é unha nova maneira de xogar e de desfrutar ao mesmo tempo tanto educadores como as familias e os nenos e as nenas”. E subliñou que “en ambos casos prima o uso de materiais de refugallo. Aproveitando un paseo, incluso pola praia, recollemos materiais e despois creamos minimundos. Todo isto vai na liña das pedagoxías activas nas que o fundamental é a reciclaxe e a reutilización, e unhas mesmas pezas poden servirnos para infinidade de creacións de minimundos e nas instalacións”.

María Novo indicou que “as Instalacións son espazos de xogo nas que se presentan diferentes obxectos de distintos materiais onde os nenos e nenas poden explorar, manipular e construír libremente. Os obxectivos son: gozar dunha nova experiencia de xogo e aprendizaxe, fomentar o xogo simbólico distinto e atractivo para o alumnado, experimentar as distintas posibilidades de acción que o espazo ofrece por medio da instalación, fomentar a imaxinación e a creatividade a través da manipulación dos obxectos e a súa interacción no espazo e favorecer a socialización. Os Minimundos son unha proposta de xogo baseada na recreación de escenarios da vida cotiá ou hábitats reais ou imaxinarios a pequena escala. É un xogo deseñado para manipular, unha actividade multisensorial de descubrimento, unha oportunidade para que as crianzas desenvolvan o seu xogo simbólico, a creatividade dunha forma lúdica e por tanto, favorecer o xogo libre”.

0.21284484863281