Opinión: A Casa da Trova

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
Nun recuncho do barrio compostelán dos Basquiños atópase unha “escola de cancións” á que moitos acoden para aprender e expresar musicalmente as súas ideas e emocións. Libremente, sen regras e “ao seu xeito” — resoan agora na miña mente os compases do mítico “My Way”, co que nos identificamos tantos; tantos que o interpretan artistas tan diversos como Vicente Fernández, Frank Sinatra, Esencia Gitana ou Julio Iglesias —. “Os Basquiños” serve tamén como punto de encontro, por onde pasan cantautores como Karel García ou Luis Quintana. Falamos da Casa da Trova, capitaneada por Tato López, cunha traxectoria de vinte anos nos escenarios e froitos como os seus catro discos: “Ritmo de arena”, “Más allá de la palabra”, “Un lugar chamado mundo” e “Humano”, estreado nas Festas do Apóstolo en 2022.
O venres, Tato López, convidado por Benigno Amor, director do Museo da Casa da Troia —sede da Asociación de Antigos Tunos Composteláns—, actuaba xunto a Mª Ángeles Iglesias. Apunta Benigno Amor que esta “irmandade” entre as entidades débese á proximidade física —ambas están en Santiago de Compostela—, á similitude dos nomes —Casa da Troia e Casa da Trova— e, sobre todo, ao afecto, xa que ambas “están ligadas á música popular e abertas ao mundo, por iso son visitadas por músicos das dúas beiras do Atlántico”.
Ben. Dentro dunhas horas parto eu cara a Ferrol, o milenario ferrarius, o “lugar do ferro” bañado polo Cantábrico, mar litoral deste mesmo océano, para cantar coa miña guitarra “Rumbo América”, retomando un afastado “asunto guitarrístico” que comezou cando o meu gran amigo O último bardo galego me bautizaba como “A cantora das Rías Altas”, percorrendo rutas estudantís compostelás. Tato López estará o vindeiro xoves na Coruña, no Agra do Orzán. Aí, noma sito! Moito éxito.