A Casa da Ría reclama atención tras anos de abandono e vandalismo

AMariñaXa
O emblemático edificio de Santa Cruz atópase vandalizado, con árboles na cuberta e os telescopios desaparecidos, mentres o alcalde promete impulsar a súa recuperación e usos culturais
Casa-da-ria-ribadoe-mal-estado-xullo-2025
30 Jul 2025

A Casa da Ría, situada en Santa Cruz, Ribadeo, presenta un estado de deterioro que preocupa profundamente aos veciños. “Hai que velo para entender a dimensión do abandono”, sinalan, ao describir un edificio magnífico que actualmente está totalmente descoidado, vandalizado e con árbores medrando na súa cuberta. Os estanques que o rodean están en avanzado estado de putrefacción e todo o contorno está cheo de lixo, situación que consideran “inxustificable e lamentable”.

Este espazo, que en tempos contou cunha cúpula rotatoria baixo a que se albergaban dous telescopios, perdeu a súa funcionalidade debido ao deterioro da cúpula, que hoxe é inutilizable e debería ser substituída. Ademais, un dos telescopios desapareceu segundo denunciou un veciño hai meses.

Dani Vega, alcalde do PP, asumiu o compromiso de revitalizar o espazo desde a súa chegada á Alcaldía. En 2023 anunciou que “imos traballar para volver abrir a Casa da Ría, poñendo en valor todo ese patrimonio natural que é, onde queremos empezar a facer actividades de observacións astronómicas e destacar todo ese legado pedagóxico que ten esa instalación sobre a nosa Ría de Ribadeo”. Vega destacou que o obxectivo é transformar un espazo abandonado nun lugar coidado e atractivo para veciños e visitantes que frecuentan o Monte de Santa Cruz.

O mestre xubilado ribadense Antonio Gregorio, coñecedor de primeira man do estado das instalacións, asegura que “segue igual de mal que cando o visitei por última vez”. Explica que “a porta de subida á terraza está aberta pois non se pode pechar”, e que “as baldosas seguen levantándose porque as árbores e as herbas medran como queren”, sen ningún tipo de mantemento. Engade tamén que “a porta da cúpula segue posta contra a varanda”, o que evidencia a falta de intervencións reais no espazo. Gregorio lembra que xa entregou hai tempo ao alcalde unha documentación completa co material e o orzamento necesarios para recuperar a zona da cúpula rotatoria, aínda sen resposta nin avances visibles.

⚙ Configurar cookies
0.18261098861694