A casa da cultura de San Cibrao acolle a exposición da Aula do mar
O Concello de Cervo inaugurou este domingo 10 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, a exposición “Aula do mar” na sala de exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián.
A Concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, participou no acto de apertura desta exposición no que tamén tomaron parte Jorge Manchado, Presidente da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña e María José Nóvoa, Directora Técnica Xeral da entidade. No acto ademais interviron Brais González, Xerente de Expomar; María Jesús Alonso, Presidenta das Redeiras Cabo Burela e José Basilio Otero, Presidente da Federación Provincial de Cofrarías de Pescadores de Lugo.
Esta exposición é o froito do traballo levado a cabo na “primeira aula do mar inclusiva de Galicia” na que os usuarios da Asociación de axuda ó enfermo mental “A Mariña” e dos centros de Burela e Ribadeo tratan de poñer en valor o patrimonio costeiro e os recursos medioambientais da zona de A Mariña – Ortegal.
A Aula do mar é un programa inclusivo de interacción co medio ambiente no que se pretenden incrementar o apoio e os medios para favorecer a igualdade e a integración no sector pesqueiro.
O horario para visitar esta exposición será de de 09:00H a 15:00H de luns a venres ata o vindeiro 26 de novembro.
A Concelleira Pilar Armada declarou que “é un proxecto de integración social que permite aos usuarios do centro, mediante o seu propio traballo, poñer en valor os recursos ambientais e costeiros da contorna”. Engade tamén que “no Concello de Cervo apoiamos as iniciativas de carácter inclusivo e social como esta que permiten aos usuarios do centro participar en actividades que repercuten nun beneficio para toda a comunidade”.
Ao longo de toda esta semana o Concello de Cervo tinguirase de azul en homenaxe ao Día Mundial da Saúde Mental, tratando de visibilizar a importancia no coidado deste tipo de afeccións.