A casa da cultura de Foz acolle unha reunión sobre os eólicos na comarca
A casa da cultura de Foz acolle o sábado 6 de novembro ás 20.30 horas unha reunión informativa sobre os eólicos. Este acto tratará dos muíños de ventos e a súa invasión no rural galego e na comarca da Mariña.
En outubro o Concello de Foz presentou unha serie de alegacións ao parque eólico Borrasca, promovido pola industrial Greenalia e que afecta de forma moi significativa ao municipio.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do traballo técnico que realizou a consultora contratada, Nergetia, e no que traballaron dous físicos e un enxeñeiro industrial especializados no sector eólico. “Son algo máis de 70 páxinas nas que se revisa o anteproxecto do parque eólico e o estudo de impacto ambiental que presentou Greenalia. Os técnicos fixeron fincapé naquelas zonas de vivendas que podían verse máis afectadas, como as casas do Furco, no barrio da Hermida, e o barrio de Vilela, en San Martiño. Facendo un novo cálculo de ruídos puideron comprobar que dous aeroxeradores superarían o nivel de 45 decibelios permitidos en horario nocturno para unha zona de vivendas. Isto é moi importante, xa que estamos a falar de que non se respecta a lexislación actual e a presión sonora sería moi superior á legal”.
Tamén en outubro veciños de Mondoñedo presentaron alegacións en contra dos parques eólicos Ventisca, Boura e Monzón, proxectados por Greenalia -a empresa de Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia- cuxa liña de evacuación atravesaría todo o concello desde Argomoso a Oirán con torres de máis de 40 metros de altura.
A maiores, consideran que estes proxectos xunto co do parque Borrasca -en Foz, Mondoñedo e Lourenzá- son en realidade un só, fraccionado ilegalmente para facer máis doada a súa aprobación.