A Casa da Cultura de Burela presenta a traxicomedia 'Boa Sorte Mala Fama'

AMariñaXa
A obra de Tarabela Creativa, dirixida por Carmen Conde, ofrecerase o 20 de setembro cunha reflexión sobre a emigración galega
boa sorte
13 sep 2024

A Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro 20 de setembro, ás 21.00, a representación da obra teatral Boa Sorte Mala Fama, da compañía Tarabela Creativa. Esta traxicomedia en tres actos, con entrada a 4 euros, está dirixida a un público adulto a partir dos 13 anos e aborda as experiencias menos visibles da emigración galega.

Baixo a dirección e texto de Carmen Conde, quen tamén actúa xunto a Nastasia Zürcher e Mariña Pena, a peza mestura narración oral, música ao vivo e interpretación actoral para ofrecer unha ollada íntima e persoal sobre o impacto da emigración. Segundo a concelleira de Cultura, Lina Gómez, "esta obra, coincidente co centenario das escolas vellas de Burela, é unha oportunidade para reflexionar sobre o legado das escolas de migrantes na preservación da cultura e lingua galegas".

Ademais, a concelleira destaca que a peza serve como "homenaxe a aquelas persoas que, malia as dificultades da distancia, souberon manter fortes lazos coa súa terra de orixe".

0.20923900604248