A Casa da Cultura de Burela acollerá a representación de “Testosterona”, unha comedia que reflexiona sobre a desigualdade laboral

A Casa da Cultura de Burela converterase este venres 10 de abril, ás 21:00 horas, no escenario da obra teatral Testosterona, unha proposta escénica que combina humor e análise crítica para abordar un dos debates máis presentes na sociedade actual: a desigualdade laboral por razón de sexo.
A peza, escrita por Sabina Berman e dirixida por Xoque Carbajal, constrúe a súa trama arredor dunha decisión aparentemente sinxela pero cargada de significado. O responsable dun importante medio de comunicación debe escoller quen ocupará o seu posto entre dúas candidaturas, un home e unha muller. A partir desta premisa, o espectáculo afonda en cuestións como o talento, a experiencia ou a valía profesional, ao tempo que pon de relevo os prexuízos que seguen condicionando o acceso das mulleres a cargos de responsabilidade.
Con un ton accesible e cheo de ironía, Testosterona ofrece unha visión crítica dos modelos de poder tradicionais e das expectativas sociais que recaen sobre homes e mulleres no ámbito laboral. A obra propón así unha reflexión que, sen renunciar ao entretemento, invita ao público a cuestionar determinadas dinámicas aínda presentes no día a día.
No escenario estarán dous intérpretes recoñecidos do panorama audiovisual galego, Camila Bossa e Luis Iglesia, que dan vida aos personaxes desta historia. Ambos contan cunha sólida traxectoria en televisión, teatro e cinema, o que reforza a intensidade interpretativa dunha montaxe que destaca tamén pola súa coidada posta en escena.
A función está dirixida a público maior de 14 anos e terá un prezo de entrada de 5 euros. As persoas interesadas poderán adquirir as localidades na billeteira da Casa da Cultura desde unha hora antes do inicio da representación.