A Casa da Cultura de Burela acolle a estrea de Profetas de Ítaca Teatro

A Casa da Cultura de Burela abrirá este venres, 19 de setembro, ás 21 horas, para recibir Profetas, a sexta montaxe da compañía lucense Ítaca Teatro. A obra, primeira coprodución do grupo co Centro Dramático Galego, chega á Mariña como unha proposta meta-teatral que cuestiona a percepción do público: o que se contempla é unha peza xa concluída ou un proceso creativo que se constrúe en tempo real diante dos seus ollos?
O texto, asinado por Ernesto Is, gañador do 16º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2021, propón un xogo de agochados onde as fronteiras entre realidade e ficción se esvaecen. O reencontro dunha parella rota convértese no punto de partida para reflexionar sobre o compromiso político e artístico, sobre o amor e sobre a creación como ferramentas transformadoras da sociedade.
Na dirección, na iluminación e no espazo escénico está Carlos Álvarez-Ossorio, mentres que Marga Portomeñe é responsable do deseño e creación das máscaras. A escenografía e o vestiario levan a sinatura da propia compañía. O elenco intégrano Elea López e Carlos Rebolo, fundadores de Ítaca Teatro, quen conducirán ao público por un percorrido que viaxa entre Compostela, Mosul e Venecia, explorando planos íntimos, sociais e globais.
O espectáculo conta co apoio da MIT de Ribadavia, do Concello e da Deputación de Lugo e mais da Deputación da Coruña. A representación terá lugar o venres 19 de setembro, ás 21 horas, na Casa da Cultura de Burela e a entrada será gratuíta.