A carreira popular Maruxaina regresa cun percorrido para todas as idades

San Cibrao prepárase para acoller unha nova edición da súa carreira máis emblemática: a V Carreira Popular Maruxaina, que se celebrará o 19 de xullo no complexo deportivo A Veiga. A cita, xa consolidada no calendario deportivo da Mariña, contará con categorías para todas as idades e será puntuable para o circuíto de carreiras Duacode RunFozRun 2025.
O evento dará comezo ás 11:00 da mañá coas probas infantís, que inclúen distancias adaptadas segundo a idade: 200 metros para a categoría Pitufo, 500 para os Benxamíns, 1.000 metros para os Alevíns, e 1 milla para as categorías Infantil e Cadete. A carreira absoluta, na que se percorrerán 5 quilómetros, terá lugar ás 12:00 horas.
As inscricións están abertas a través da plataforma www.sportmaniacs.com, onde tamén se pode consultar toda a información sobre os horarios e percorridos. A organización corre a cargo do Cervo Deporte, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, e o programa Deporte Galego, entre outros.
Desde o Concello animan á participación tanto de atletas locais coma de visitantes, e lembran o carácter festivo e familiar dun evento que, máis alá do deportivo, busca poñer en valor a contorna costeira de San Cibrao e dinamizar a vida social durante o verán. Ademais, a carreira súmase á campaña de sensibilización contra a violencia de xénero, como amosa o selo "NON á violencia de xénero" presente na cartelería.