A candidata do PSOE á Alcaldía de Cervo di que “traballará para ofrecer servizos e oportunidades laborais”

AMariñaXa
A candidata do PSdeG á Alcaldía de Cervo, Luján Ramos, ofreceu un mitin na Casa do Mar de San Cibrao o sábado
lujan ramos PSOE CERVO
21 Maio 2023

A candidata do PSdeG á Alcaldía de Cervo, Luján Ramos, ofreceu un mitin na Casa do Mar de San Cibrao. O acto contou coa participación do Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e da Deputada autonómica, Patricia Otero, e reuniu alcaldes e alcaldesas, candidatos e candidatas, militantes e simpatizantes, ademais de veciños e veciñas do municipio e da comarca.

“Traballaremos para ofrecer servizos e oportunidades laborais, que é o básico para que a xente nova se quede ou volva a Cervo”, asegurou a candidata, incidindo en que resulta “moi importante contar cunhas dotacións que permitan facer do noso un concello no que a xente estea a gusto, porque xa temos o resto de ingredientes que fan de Cervo o sitio perfecto para vivir e criar a unha familia”.

Un Plan Industrial para A Mariña

“Necesitamos poder ofrecer traballo, se queremos que a xente quede en Cervo. Temos que poñer os medios para que aqueles que marchan fóra a estudar poidan volver”, apuntou a alcaldable. Nese sentido, falou da necesidade de que A Mariña conte “dunha vez por todas” cun Plan Industrial, para multiplicar as posibilidades laborais da poboación. “É unha pena que os pobos vaian envellecendo e que toda a xente nova marche para localidades máis grandes”, sinalou.

A socialista explicou tamén o importante que son na Mariña as infraestruturas e sobre ese punto sinalou que entre as súas prioridades estará buscar a forma de “conectar o polígono de Cuíña coa N-642 e á Mariña co resto de Lugo e de España”. E puxo o foco en dúas vías fundamentais: a A-74, que unirá a A-8 con San Cibrao, e a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, de San Cibrao a Ferrol”.

Fixo fincapé na importancia do benestar social e do coidado dos maiores, e entre as súas propostas programáticas destacou a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a xestión de máis prazas de Centro de Día e residencia ou dun servizo de vixilancia e acompañamento ás persoas que o precisen.

Tras 8 anos como Concelleira do PSdeG, formando parte do equipo liderado por Francisco Mon, agora Luján Ramos dá un paso adiante para encabezar unha candidatura que, como ela mesma destacou no acto que tivo lugar este sábado en San Cibrao, “integran veciños e veciñas traballadores de diferentes sectores, que apostamos por traballar activamente e por mellorar este concello con sentido común”.

lujan ramos PSOE CERVO 1
0.19082403182983