A campaña 'Nadal en Rede' chegará a unha trintena de concellos galegos

AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Esta campaña de dinamización lingüística a través do teatro chegará a concellos como A Bola, Bóveda, Burela ou Oleiros
Presentación do programa 'Nadal en Rede'
Presentación do programa 'Nadal en Rede'
4 Dec 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a programación de 'Nadal en Rede', a campaña de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia e que celebra a súa décimo terceira edición achegando propostas de lecer en galego a unha trintena de concellos durante a época festiva.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo acompañado polas compañías artísticas que participan, explicou que nesta iniciativa “búscase propor alternativas de ocio para todos os públicos, tanto cativos como adultos”. Neste senso, sinalou a importancia de “que a cidadanía poida gozar durante estas festas de diversas actividades na nosa lingua”.

Por outra banda, Valentín García explicou que a esta programación súmase a xira de Nadal dos Bolechas ou as actividades que se desenvolverán na Cidade da Cultura ata o 6 de xaneiro e que inclúe obradoiros, unha instalación de inspiración viquinga ou a experiencia Galiverso. Deste xeito, salientou que ademais desta ampla selección de plans culturais, a Administración autonómica tamén ofrece recursos dixitais para cantar panxoliñas en galego ou modelos para escribir a carta aos Reis Magos, entre outros, “todos eles co obxectivo de promover o uso do galego cos máis pequenos”.

Iniciativas culturais en 32 concellos

Nadal en Rede ofrecerá oito propostas distintas de teatro, música, monicreques ou maxia. As primeiras citas serán o domingo 15 de decembro, en Pontedeume, con 'Meco e sono', un espectáculo para os máis cativos da casa, que tamén percorrerá os concellos de Vilaboa, Santa Comba e Nigrán. Ese mesmo día, Ponteareas recibirá a mostra musical 'A lingua somos todos', que durante as festas visitará Ponteceso, Ribadavia, O Rosal e Bóveda.

Outros plans para o público infantil e familiar son 'A árbore dos desexos', de Pillaband, que ofrecerá un relato musicado nos concellos do Porriño, Padrón, Vigo e Mondoñedo, ou a obra A pita xefa, que visitará Silleda, Ramiráns, Moaña e Tomiño.

Tamén para a cativada e as súas familias son os espectáculos 'Desconcertos de Nadal', fará parada en Soutomaior, Salvaterra, Outes, Teo e Santiso, e Mil maxias máis que ofrecerá unha xornada de xogos e ilusionismo en Lalín, Burela e Barro.

Por último, os monecos 'Fuco e Xela' porán a bailar á cativada de A Bola, Brión, Meaño e Lalín con Xa é Nadal cos Piñeiriños e a actividade Ves como sabes? Visitará O Carballiño, Gondomar, Cangas e Oleiros.

0.16282296180725