A campaña de San Valentín de Acia Foz-CCA reparte 400 euros en compras e unha escapada romántica

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (Acia Foz-CCA) celebrou esta mañá o sorteo da súa campaña especial de San Valentín, unha iniciativa que volveu incentivar as compras no comercio local cun atractivo reparto de premios: 400 euros en vales e un cofre cunha escapada romántica.
O número 17470, correspondente a unha papeleta entregada no establecemento Fauna, resultou gañador do premio estrela, consistente nunha experiencia para dúas persoas. Ademais, catro clientes foron agraciados con vales de compra por importe de 100 euros cada un. As papeletas premiadas foron o 8784 (Xoguetería Bahía), o 12641 (Mapfre), o 3994 (Hedra) e o 4361 (Chinela).
O acto desenvolveuse en directo nas instalacións de Radio Foz e estivo conducido por Anxo Rivas. No sorteo tamén participou o presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, quen trasladou os seus parabéns ás persoas premiadas e agradeceu a implicación da veciñanza.
Desde a asociación subliñaron que campañas como esta buscan non só premiar a fidelidade da clientela, senón tamén reforzar o tecido comercial da localidade, animando a realizar as compras nos establecementos de proximidade ao longo de todo o ano.