A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” pecha en Burela cun último sorteo e convidados de excepción

AMariñaXa
Tres persoas resultaron premiadas con vales de 250, 150 e 100 euros nun acto que reuniu referentes culturais e institucionais na Praza da Mariña
FCAM-grupo-sorteo-Burela-novembro-2025
1 Dec 2025

A Praza da Mariña de Burela foi o escenario do quinto e último sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, iniciativa promovida pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) para incentivar as compras no comercio local durante as últimas semanas. A cita puxo o broche final a esta edición coa entrega de tres vales de compra por importes de 250, 150 e 100 euros ás persoas afortunadas.

O acto contou cun elenco de convidados de prestixio que deron brillo á xornada. Entre eles, o director, guionista e produtor Ángel de la Cruz —galardoado con tres premios Goya e tres Mestre Mateo—; a actriz, presentadora e pedagoga teatral Estíbaliz Veiga; a escritora e xornalista María Solar, gañadora do Premio Xerais de Novela 2022; e o guía oficial de turismo Guido Guía, tamén profesor-titor do Grao de Turismo da UNED de Lugo. Eles foron os encargados de entregar os premios ás persoas gañadoras.

Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Burela, Carmela López; a concelleira de Comercio, Lina Gómez; a directora xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Sandra Vázquez; e as representantes de Acia Burela, Isabel Castro e Raisa Fanego, nunha mostra de apoio conxunto ao tecido comercial da comarca.

Durante a súa estadía, os convidados aproveitaron para coñecer parte do patrimonio mariñán visitando o barco museo Reina del Carmen, e degustaron a gastronomía local, destacada pola súa calidade e tradición mariñeira.

⚙ Configurar cookies
0.069567918777466