A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” chegará a Ribadeo e A Pontenova o 15 de novembro

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) continúa coa súa iniciativa De compras polo comercio da Mariña Lucense, que esta semana fará parada en Ribadeo e A Pontenova. A campaña desenvolverase entre os días 10 e 15 de novembro e culminará o sábado 15 cun sorteo de 500 euros en vales de compra.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou que “o sistema será o mesmo que nos sorteos anteriores celebrados en Barreiros e Mondoñedo”. Así, todas as persoas que realicen compras nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo e á Asociación de Comerciantes da Pontenova durante esas datas participarán automaticamente no sorteo. “O sábado 15, ás oito da tarde, na Praza do Concello da Pontenova, celebraremos o sorteo, e os convidados especiais serán os encargados de entregar os vales ás persoas premiadas”, detallou Cruzado.
Ademais, a presidenta sinalou que a visita dos invitados non se limitará ao acto do sorteo. “Queremos que coñezan a nosa comarca, por iso levaremos a estes profesionais a visitar enclaves turísticos e a descubrir a excelente gastronomía da Mariña, porque entendemos que comercio e turismo van da man neste destino”, subliñou.
Nesta nova parada da campaña participarán tres coñecidas figuras do mundo da comunicación: Almudena Navarro, comunicadora, dj e presentadora de televisión; Arsenio Coto, xornalista; e José Real, xornalista e locutor de radio.
Desde a FCAM destacan que o propósito da iniciativa é “reforzar o apoio ao pequeno comercio das nosas vilas” e dar visibilidade á súa oferta. “Facémolo convidando a persoas destacadas do xornalismo, da música, da literatura, do deporte ou do cine, que se converten en embaixadores da Mariña durante a súa estancia”, explican desde a entidade.
A campaña arrancou a finais de outubro en Foz e Barreiros, continuou por Lourenzá e Mondoñedo, e agora chega a Ribadeo e A Pontenova, onde se pechará esta segunda quenda de accións promocionais.
A presentación oficial en Ribadeo contou coa participación do alcalde, Dani Vega; da concelleira de Comercio, Marta Saiz; da presidenta da FCAM e de Acisa, Carmen Cruzado; e do xerente da asociación empresarial ribadense, Jesús Pérez. Todos coincidiron en destacar “a importancia de sumar esforzos para dinamizar o comercio local e atraer visitantes que descubran o potencial económico e turístico da Mariña”.