A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” chega a Lourenzá e Mondoñedo o 8 de novembro

A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, impulsada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM), continúa o seu percorrido e fará parada en Lourenzá e Mondoñedo o vindeiro 8 de novembro. A iniciativa, que busca dinamizar o pequeno comercio e promover o consumo local, premiará con 500 euros en vales de compra ás persoas que realicen as súas adquisicións nestas dúas vilas entre os días 3 e 8 de novembro.
O sorteo celebrarase o venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Praza do Concello de Mondoñedo, e contará con convidados especiais que serán os encargados de entregar os premios. “Con eles visitaremos tamén algúns dos principais atractivos turísticos da comarca e gozaremos da nosa gastronomía, porque entendemos que comercio e turismo van da man na Mariña”, explicou a presidenta da FCAM, Carmen Cruzado.
Entre os convidados desta edición estarán a escritora e divulgadora gastronómica Inés Butrón, colaboradora do programa Gente Viajera de Onda Cero; o xornalista e presentador Fabián Pérez, rostro coñecido de Todo es mentira en Cuatro; a escritora e xornalista Leticia Sierra, con ampla traxectoria en medios de Asturias, Salamanca e Madrid; e o piragüista Carlos Arévalo, medallista olímpico en Toquio e París.
Desde a Federación destacan que esta acción busca “poñer en valor o comercio de proximidade, ese que temos ao lado das nosas casas, e atraer público a través de figuras recoñecidas do deporte, a cultura e os medios”. A campaña, que comezou en Foz a finais de outubro, continuará o seu percorrido por diferentes concellos da Mariña ao longo do mes de novembro.