A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” arrinca en Foz e Barreiros cun sorteo de 1.500 euros en premios

Foz
AMariñaXa
As comunicadoras e presentadores Carlota Corredera, David Ínsua e Isidoro Valeiro acompañaron a iniciativa impulsada pola FCAM para promover as compras no comercio local
sorteo-FCAM-en-Barreiros-outubro-2025
27 Oct 2025

A praza do Souto, en San Miguel de Reinante, foi o escenario do sorteo dos tres vales de compra de 500 euros da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, promovida pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM). O evento serviu para dar o pistoleiro de saída a unha nova edición desta iniciativa, que busca dinamizar o comercio de proximidade e poñer en valor o tecido empresarial mariñán.

As tres premiadas, veciñas de Barreiros, recibiron os seus vales de mans de Carlota Corredera, David Ínsua e Isidoro Valeiro, que exercerón de mestres de cerimonias e aproveitaron a súa estadía para coñecer de preto a comarca e apoiar cos seus nomes o consumo local.

Durante a fin de semana, os tres comunicadores visitaron unha ducia de establecementos asociados a Acia Foz-CCA, degustaron produtos da gastronomía mariñá en restaurantes como Xoiña e Casa Damián, e aloxáronse en Finca Goleta. Ademais, gozaron dun percorrido polas praias da Rapadoira e Llas, en Foz, a do Coto, en Barreiros, e tamén pola emblemática praia das Catedrais, en Ribadeo.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, e o presidente de Acia Foz-CCA e tesoureiro da federación, José Carlos Paleo, acompañaron a comitiva durante a xornada. “Queremos agradecerlles a súa visita e o intenso traballo realizado ao longo das 24 horas que pasaron entre nós”, sinalaron desde a entidade, destacando a súa implicación persoal e o entusiasmo co que se sumaron á campaña.

A iniciativa, financiada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, continuará os días 8 e 9 de novembro en Lourenzá e Mondoñedo, con novas actividades e a participación doutros convidados e convidadas especiais que contribuirán a difundir a importancia de apoiar o comercio de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.072478055953979