A Cabalgata dos Reis Magos percorrerá as parroquias de Alfoz o 5 de xaneiro

AMariñaXa
O desfile sairá da Casa da Cultura ás 16.00 horas e rematará no Castelo de Castrodouro cunha merenda popular
Reis Magos Ramirás
26 Dec 2025

Alfoz volverá encherse de ilusión e maxia o vindeiro 5 de xaneiro de 2026 coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, unha cita moi esperada polas familias do municipio e, especialmente, polos máis pequenos. As súas Maxestades de Oriente percorrerán as distintas parroquias levando alegría, música e fantasía nunha tarde pensada para compartir en comunidade.

A cabalgata dará comezo ás 16.00 horas coa saída desde a Casa da Cultura de Alfoz. A continuación, o percorrido continuará pola igrexa das Oiras ás 16.15 horas, para seguir ata a igrexa do Pereiro ás 16.20 horas. Poucos minutos despois, ás 16.30 horas, os Reis Magos chegarán á escola da Pingüela, onde volverán recibir ás familias.

O itinerario proseguirá ata a escola de Reirado, prevista para as 16.50 horas, e continuará pola igrexa de Bacoi ás 17.15 horas. Ás 17.30 horas está programada a parada na igrexa de Carballido, mentres que a última visita antes do remate terá lugar na igrexa de Adelán ás 17.45 horas.

O punto final da cabalgata será o Castelo de Castrodouro, onde está prevista a chegada ás 18.00 horas. Neste enclave celebrarase un encontro festivo con merenda para todos os asistentes, consistente en chocolate quente e biscoito, poñendo así o broche doce a unha xornada cargada de emocións.

Desde a organización lembran a importancia de que os nenos e nenas leven as súas cartas para entregarllas persoalmente aos Reis Magos. A actividade está organizada pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, coa colaboración do Concello de Alfoz, e busca manter viva unha tradición que cada ano reúne á veciñanza arredor da ilusión do Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.086230993270874